quinta-feira, 21 de abril de 2022

Fibra óptica: paradigma de modernidade

 

Escrito por Martín Graña Pérez

Velaí ven, velaí ven avantando
comaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saludaina, rapaces e vellos!

Un venres de marzo volvín a casa e notei a miña nai alterada, inqueda. Na aldea había unha azueira. A comezos desa semana aparecera nun cruce de camiños unha morea de postes de madeira perfectamente aliñados. As apostas eran variadas, había algunha proposta bastante estrambótica, pero a maioría coincidían nun mesmo punto: a fibra. A fibra para o rural é ou era na maioría dos casos unha especie de animal mitolóxico, de anhelo de futuro. A fibra é o lobishome ou o tren do século XXI.

A chegada e popularización do tren a comezos do século pasado trouxo unha esperanza de progreso e ilusión para vertebrar o país consigo mesmo, co resto da península e con Europa. A ilusión pronto tornou en frustración. A esperanza de futuro afogou entre accidentes xeográficos, e sobre todo, desprezo institucional cara este recuncho do noroeste. Inda hoxe, século e medio máis tarde seguimos sen contar cunha rede de camiños de ferro que nos igualen ou nos permitan un acceso ao territorio como o que gozan outros países da nosa contorna. O despoboamento é un dos problemas máis graves que enfrontamos como sociedade e as infraestruturas físicas só nos sinalan o camiño de saída[1].

Nesta época de teletraballos e mundo dixital, nunha ampla área deste país inda non se pode reproducir un vídeo en streaming ou facer unha chamada telefónica. Cando falamos de políticas para fixar poboación no rural non hai nada máis paradigmático, útil e sinxelo que dotar o campo de conexións rápidas á rede. Que as estudantes e as traballadoras poidan levar a cabo as súas tarefas ou vidas desde os seus lugares de orixe é o paso previo para que a xente moza teña como primeira opción a permanencia no seu lugar de nacemento, na súa casa. Algúns inda non perdemos a ilusión de ver algún día o tren como unha opción real de transporte, pero mentres tanto, podemos ir avanzando con pasos como a instalación de fibra óptica.

A fin de semana na casa familiar alongouse ata o luns. Naquel momento xa estaba confirmada a boa nova. Os paus de madeira eran, efectivamente, para adiantar uns anos o reloxo do campo. Sendo conscientes de que non era a solución a todos os problemas, as nais e pais xa comezaron a dicirnos que agora non teríamos que irnos a cidade ou a vila para poder manter xuntanzas ou aulas telemáticas. Miña nai fixo unha lista de películas para ver xuntos, pasaron unha tarde enteira pensando no proveito que lle poderían sacar. Aquel luns a xente parecía un pouco máis esperanzada. Sempre existiu a esperanza no futuro, agora parece que é factible se os nosos gobernantes e institucións están a altura e fan porque así sexa. Ogallá algún día a xente nova só marche pola ilusión de coñecer novos mundos e realidades e non forzada pola falta de oportunidades. Ese día chegará, como a locomotora de Curros.

[…] Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!

[1] Fran BALADO: “El primer AVE a Galicia termina su viaje en Ourense”, La Voz de Galicia (20/12/2021). Dispoñible en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2021/12/20/sale-madrid-primer-ave-galicia/00031639986838409701499.htm

 

[Fonte: www.mazarelos.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário