quarta-feira, 29 de dezembro de 2021

As eólicas presentan documentación en inglés na tramitación dos parques galegos

Stop Eólicos Xurés exixe que se cambie un documento en inglés da central Eólica Monte da Neve.

Activistas da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova en Laza o pasado 11 de decembro                     Activistas da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova en Laza o pasado 11 de decembro.

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova rexistrou no Concello de Celanova o pasado 27 de decembro un escrito dirixido á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación advertindo do uso dun idioma non oficial na Galicia na documentación que se somete a información pública no proxecto de central eólica Monte da Neve entre Celanova e Verea.

A documentación é resultado do acordo do 1 de decembro de 2021 da Xefatura Territorial de Ourense, sobre as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Monte da Neve e liña de evacuación, situado nos concellos de Celanova e Verea.

Esta plataforma sinala que o anexo número 14 referido ás características técnicas do modelo de aeroxerador previsto, e que se incorpora como parte do Estudo de Impacto Ambiental, está en lingua inglesa.

"A lingua inglesa non é lingua oficial en Galicia, polo que se dificulta a participación pública no procedemento de alegacións", indica a plataforma e reclama que se corrixa ese erro e se amplíe o prazo de alegacións máis alá do 25 de xaneiro para facilitar o trámite de alegacións que se sostén a participación pública neste tipo de procedementos. 

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova tamén recorreu á Mesa pola Normalización Lingüística. A través da 'Liña do galego' formalizouse a denuncia polo uso dunha lingua non oficial nun documento a exposición pública. A Mesa informou a pasada semana que xa deu curso á queixa diante da Valedora do Pobo, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

 

[Imaxe: Plataforma Xurés Celanova - fonte: www.galiciaconfidencial.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário