![]() |
| Alfredo Bryce Echenique |
Escrito por CARLOS G. REIGOSA
A noticia encheume de tristura. O escritor peruano Alfredo Bryce Echenique, o máis novo dos grandes escritores do boom latinoamericano, co que compartín moitas xornadas de ledicia e amizade, acaba de despedirse da literatura. «Chegou o momento. Deixei de escribir para sempre», declarou. Eu sabía que levaba tempo coa teima, pero sempre pensei que non se atrevería a rachar co que tanta vida e sona lle dera. Mais, ousou dar o paso e punto. Algo que comezou a ser posible cando, tras vivir en París, Madrid e Barcelona, regresou ó Perú e comezou a dexergar un horizonte de sosego, sen as esixencias daquel oficio no que acadara un enorme recoñecemento internacional, con obras como Un mundo para Julius, A vida esaxerada de Martín Romaña ou Non me esperen en abril, entre outras.
Non vou utilizar estas poucas liñas para falar da súa obra. Prefiro falar da persoa. Un home que vivía en Madrid nun piso que —dicía— era «unha continuación do aeroporto de Barajas», porque todos os peruanos que sabían del acababan presentándose na súa casa para saudalo e «enredalo». E Bryce non resistía a tentación de facelos felices.
Porque Bryce era —e segue a ser— un home moi xeneroso co seu tempo e co seu humor. Íntimo amigo do cantante Joaquín Sabina, era capaz de pasar a noite falando con el, sen levantar da cadeira. Así é este ilustre peruano. Xeneroso e amistoso. E eu tiven a sorte de poder contar con el para case todo. Por exemplo para prologar o libro Homes de Tras da Corda, xusto cando aparecía a edición en castelán baixo o título Al otro lado de la montaña. Posteriormente, ofreceuse para presentar a novela Oxford, amén, pero, como tamén pasara a noite anterior na casa de Sabina, non apareceu no acto e tiven que presentalo eu só. Sobre as cinco da tarde, chamoume, desolado, para explicarme que quedaran durmidos nas cadeiras. Era imposible reprocharlle nada, e non o fixen. Uns días despois apareceu unha páxina enteira nun xornal de Madrid exaltando o libro. Un exceso de xenerosidade por parte dun home que se sentía culpable. Máis tarde leveino a un curso sobre periodismo e literatura na UIMP da Coruña, e ofreceuse para presentar na biblioteca da Deputación a miña novela Narcos, que acababa de ler. Agradecinllo, ceamos xuntos e separámonos ata o día seguinte. Pero de noite chegaron moitos peruanos radicados na Coruña e levárono de xolda. Pola mañá non apareceu no acto que tiña que inaugurar e que en realidade clausurou a mediodía. Pola tarde presentou o libro. E ó día seguinte viaxamos de volta en coche a Madrid. Durmiu durante case toda a viaxe, esgotado. Porque de certo, el non quixera defraudar ós seus paisanos, nin a Universidade, nin a min.
Desta estirpe boa e xenerosa é Alfredo Bryce Echenique, o escritor que acaba de poñer punto final á súa obra. Imaxínoo agora no Perú, na súa praia preferida, ollando o Océano Pacífico. E sinto non poder ler máis obras súas. Pero a isto lle chaman vida.
[Imaxe: RAQUEL P. VIECO - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:
Enviar um comentário