quinta-feira, 16 de julho de 2020

Poesía, música e astronomía no cabodano de Rosalía de Castro

A celebración incluirá a observación da estrela da poeta


Cartel da campaña a prol de bautizar unha estrela co nome de Rosalía. AGRUPACIÓN ASTRONÓMICA ÍO


Por X.F.

A celebración este mércores (20.00 horas) do cabodano do pasamento de Rosalía de Castro, na súa casa museo da Matanza en Padrón, propón un programa no que conflúen a poesía, a música e a astronomía. Un recital, unha actuación e a observación da estrela que leva o nome da poeta forman parte da conmemoración dos 135 anos pasados do día no que finou a autora. O acto organizado pola Fundación Rosalía terá como condutora á escritora Elvira Ribeiro e intervirán Xosé Luís Axeitos, director da revista de estudos rosalianos Follas NovasCarme Hermida, amiga da Casa de Rosalía; Martin Pawley, promotor da iniciativa Estrela Rosalía, e o presidente da fundación, Anxo Angueira. No recital poético participarán Cándido Duro, Antón Blanco e Noelia Gómez, mentres que a música correrá a cargo de Carmen Dor. Por último, ás 23.30 horas, está programada a observación da estrela, en colaboración coa Agrupación Astronómica Ío. A fundación recomenda levar prismáticos e Angueira confía en que «o tempo acompañe» (a previsión de MeteoGalicia para Padrón é de ceos despexados).

Angueira tamén explica que os actos seguirán as normas e recomendacións sanitarias para evitar contaxios de coronavirus, pero como o espazo será o xardín poderán distribuírse as cadeiras de xeito que se respecten as medidas de distanciamento. Porén, a pandemia si afectou á publicación de Follas Novas, cuxo cuarto número apenas puido presentarse. Un número que ademais de homenaxear a Rosalía, no fondo e na forma, tamén lembra a Ricardo Carvalho Calero -«Un gran estudoso da súa obra e a súa figura», segundo Angueira-, con diversos artigos sobre o autor homenaxeado este ano co Día das Letras.

A aparición dunha carta inédita de Rosalía a José Villaamil, as escritoras nas orixes do Rexurdimento e o filme Contou Rosalía, entre outros contidos, forman parte das máis de duascentas páxinas da publicación, que remata cunha reflexión de Angueira sobre a campaña Amigos de Rosalía. Trátase dunha iniciativa que busca a colaboración cidadá e empresarial para que a casa museo poida acometer novos proxectos, dende os de carácter máis material ata outros relacionados coa proxección internacional da obra de Rosalía. Unha campaña da que Angueira afirma que a fundación confirmou as súas boas expectativas: «Aínda onte [polo luns] fixemos catro novos amigos». 

Campaña

Como tamén o presidente da institución rosaliana se entusiasma cando fala do éxito da campaña para que unha estrela leve o nome da autora. «Quedou moi claro que Rosalía é un emblema para a nosa sociedade e que conta co apoio de tanta e tanta xente. E iso que a competencia era moi forte», reflexiona. «A xente quérelle a Rosalía», resume.

Angueira tamén fará balance dos seus oito anos na presidencia da fundación, un período, que, apunta, constitúe un ciclo que se achega á necesidade de renovación: «Son oito anos e hai que facer balance. A finais de ano renovaremos os estatutos e hai que falar tamén doutras renovacións, facer balance do acadado e pensar en novos camiños para a fundación».


[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário