sábado, 25 de julho de 2020

Antonio Piñeiro: «A literatura é coma un cabalo tolo que nunca acabas de domiñar»

O escritor presenta este xoves a súa novela «Esca», coa que gañou o último premio Xosé Neira Vilas
O escritor Antonio Piñeiro

Por JUAN PEDROUZO/X.F.

O profesor e escritor Antonio Piñeiro Fernández dará a coñecer o seu libro Esca nun acto organizado este xoves ás 19.00 horas nas Insuas de Gres, en Vila de Cruces. Esta obra foi a gañadora do IV Premio Xosé Neira Vilas de novela curta no 2019, conseguindo así poñer un galardón máis na vitrina deste premiado autor de 58 anos nado en Ribeira. Con máis dunha vintena de obras publicadas, Piñeiro consolídase como unha das plumas máis destacables do panorama literario galego actual.

-Como nace a súa actividade literaria?
-De pequeno, A illa do tesouro de Stevenson fíxome moita «pupa», descubríndome así un gran pracer na lectura. Púxenme a escribir pouco despois de rematar os estudos, cara o ano 90, pero sen éxito ningún. Tivo que pasar máis dunha década para que puidese cristalizar algo para o público. Digamos que son un escritor de cultivo, de semente lenta e non de brote rápido.

-Con máis de vinte obras semella que medrou ben.
-Coma dixo Juan Marsé, eu son dos que se consideran un aprendiz constante. A literatura ten unha parte anárquica e incontrolable, é coma un cabalo tolo que nunca acabas de domiñar. Por iso hai que practicar e seguir practicando.

-Segue algunha rutina á hora de escribir?
-Escribo cando o tempo o permite e onde cadra. Na praia, de noite, facendo tarefas do fogar... Hai que andar sempre co caderno no peto. Eu son profesor de historia no Número 1 de Ribeira, así que a literatura para min é unha afección e o tempo de traballo nela unha ocasión.

-Entón co confinamento...
-Pois mira, aí tiven un parón ao que chamo «do desconcerto». Foron unhas circunstancias moi estrañas, sobre todo tendo en conta que na nosa xeración nunca se vira algo así. Unha situación anómala, confusa e impositiva. «Fai isto, non fagas o outro». Non sei, todo estaba prendido dun fío de incerteza e iso desconcentra. En fin, agora xa estou en marcha de novo.

-Ten algún referente?
-Teño moitos «mestres». Camilo José Cela, Valle-Inclán, García Márquez, Álvaro Cunqueiro, Robert Louis Stevenson,... Non os coñecín, claro, pero oxalá telo feito [risas].

-E libro favorito?
-Mortal y rosa, de Francisco Umbral, outro dos meus referentes. Para min é unha obra mestra de expresión literaria total. Literatura pura e auténtica.

-Con que xénero se atopa máis cómodo?
-Con diferencia, co xénero lírico. Mesmo nas miñas obras narrativas, sempre hai expresión poética en todo o que fago.

-Fáleme desta obra que vai presentar, «Esca».
-É unha novela para lectores universais debido ás características do certame. Pode verse como unha historia didáctica a nivel xuvenil e recreativa a nivel adulto. Ambientada en O Grove, a finais dos anos 20, trata sobre un grupo de nenos que viven un suceso misterioso que envolve a Illa da Toxa en os seus arredores. Está chea de amplos interrogantes sobre acontecementos misteriosos e roza a idea do paranormal, pero sen entrar a valorala. Pódese dicir que ten toques de realismo máxico.

-Canto lle levou escribila?
-A primeira frase deste libro escribina no ano 2002, así que mira ti. Outras remátanse máis rápido, nun par de anos ou así, pero esta tivo reformas, cambios, replantexamentos,... Xa a tiña como «maldita» (risas).

-Existe algún trazo común na súa bibliografía?
-A verdade é que si. Todas as miñas obras poden englobarse no obxectivo de escaravellar na historia, algo que non sorprende tanto sendo eu profesor nesa materia. Esca é un exemplo máis, sen ir máis lonxe, o seu desenlace trata sobre un feito histórico de impacto internacional.

-Vendo a súa traxectoria, seguro que xa está preparando algo novo.
-Agora mesmo teño cinco obras en marcha, en paralelo. Pero claro, igual algunha sae no 2030. Teño outra xa en preparación editorial, e presento este domingo en Rianxo o meu libro Celada, que xa está na rúa.

«Os premios funcionaron como as bases da creación do edificio literario de Galicia»

Antonio Piñeiro Fernández é profesor de secundaria e bacharelato en Ribeira, mais tamén conta cunha bibliografía que supera os vinte títulos publicados. A calidade de moitas das súas obras foi recompensada coa vitoria en distintos certames, recibindo así numerosos galardóns. Entre eles, destacan a o premio García Barros (con As fiandeiras), o Torrente Ballester (con A través do fume), o premio de novela curta Cidade Centenaria (con Celada) ou o Avilés de Taramancos (con A dama fulxente), aos que se lles sumaba o ano pasado o Xosé Neira Vilas obtido grazas a Esca. En relación a esta vitoria, o autor quixo dedicarlla «con corazón» á propia Fundación Neira Vilas, así como a todos os lectores que propicia.

«Os premios a min sempre me pillan por sorpresa. Os certames en Galicia teñen unha tradición de prestixio que quizais en España non se ve tanto. Na nosa terra son fundamentais. Tiveron moito que ver no avance da intelectualidade galega e funcionaron como as bases de creación do edificio literario de Galicia dende o século XIX; ata nomean xeracións. Tendo tanta importancia, participa moitísima xente, así que nunca esperas que vaias gañar. Eu gaño un premio, si, pero preséntome a vinte», explica o escritor. Para el, os certames literarios son algo fundamental na historia da literatura galega contemporánea, polo que non dubida en presentar practicamente todas as súas obras aos premios que se organizan cada ano.

Ao preguntarlle pola situación do mundo editorial, o autor admite que ese é un terreo complicado: «É moi difícil publicar un libro. Intenteino antes de ter algún premio que me avalase, pero nunca tiven sorte. E agora que teño algún, ás veces nin con esas». Segundo el hai un mercado «moi plano», provocado pola caída en desgraza do consumo da arte literaria. Sen querer culpar ás editoriais, comprende que están nun momento que fai inviable apostar por determinadas publicacións. Respecto a se ve unha mellora da situación a corto prazo, de momento considérase pesimista.


[Imaxe: CARMELA QUEIJEIRO - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário