Por CARLOS G. REIGOSA
Un dos mitos máis sostidos e
mellor alimentados do boom latinoamericano foi o de que todos os escritores que
o compoñían levábanse moi ben entre eles e compartían relacións fraternais.
Mais isto non era certo, non o foi nunca, aínda que sí había autores que
mantiñan relacións moi entrañables. Os exemplos que ilustran esta realidade son
moi numerosos, pero non estou en condicións de expoñelos aquí en detalle porque
esta columna non dá para tanto.
Se comezásemos por México, veríamos que a figura cultural
preponderante foi Octavio Paz, un xigante literario que empezou na revolución
mexicana representando en Estados Unidos ó guerrilleiro Emiliano Zapata. Paz
naceu en 1914 e despregou desde moi novo unha gran actividade política e
cultural. De certo, converteuse moi axiña nun «guerrilleiro da poesía» e o
poeta español Rafael Alberti elevouno coma un verdadeiro revolucionario «porque
ti tratas de cambiar a linguaxe e eles (os outros) simplemente fan xornalismo
político». Nesta condición asistiu ó Congreso de
Escritores Antifascistas que se celebrou en Valencia en 1937, é dicir, en plena
Guerra Civil Española. E alí foi a esperalo e recibilo o grande Pablo Neruda.
Mais, a medida que os recoñecementos a
Octavio Paz medraban, tamén aumentaban as reticencias dos que o percibían
subido a un pedestal demasiado alto. Así, o prohome mexicano empezou a ser
visto con receo por outros, na medida en que máis se elevaba e máis grande se
cría. Escribiu libros moi valiosos, certo, pero quizais se vangloriou da súa
propia grandeza. E se cadra quen mellor definiu a situación foi o gran
novelista Juan Rulfo, autor de Pedro Páramo e O
chairo en chamas, que ironizaba: «En México a cultura descansa en
Paz».
E así acabou sendo en boa
medida. Octavio Paz converteuse nun xigante cun gran recoñecemento
internacional. Non en van foi o home que se enfrontou a Sartre e que se
pronunciou a favor de Camus, e era amigo de André Bretón e de Luis Buñuel. Foi
máis internacional que latinoamericano. E quizais a soberbia non lle foi algo
alleo. Finou en 1998.
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário