terça-feira, 10 de setembro de 2019

Morre aos 94 anos Robert Frank, gran fotógrafo do século XX nos EE. UU.


O seu libro «The Americans», prologado polo «beat» Jack Kerouac, é unha obra de referencia pola súa crúa representación en branco e negro da sociedade estadounidense da posguerra 
 
WALTER BIERI
 
 
O fotógrafo Robert Frank, gran retratista dos Estados Unidos na segunda metade do século XX, faleceu este luns aos 94 anos de idade na súa casa de Nova Scotia (Canadá), informou hoxe o diario The New York Times. A súa morte foi confirmada por Peter MacGill da Galería Pace-MacGill Gallery de Manhattan, pero non se ofreceron detalles acerca das causas do seu falecemento. 
 
Aínda que nacido en Suíza en 1924, Frank realizou a maior parte do seu traballo fotográfico en Estados Unidos, e pasou os últimos da súa vida no nordés de Canadá. A súa obra máis coñecida é «The Americans» (publicada en 1959), unha crúa representación en branco e negro da sociedade estadounidense da posguerra. 
 
 
Frank fixo máis de 27 000 retratos, dos cales só 83 foron seleccionados para un mítico libro que ía acompañado por un prologo do escritor «beat» Jack Kerouac. 
 
«Extraeu un triste poema de Estados Unidos sobre unha película, e situouse así como un dos tráxicos poetas do mundo (...) A Robert Frank envío esta mensaxe: tes ollos», escribiu Kerouac. Esa obra é unha referencia da fotografía documental do século XX.
 
A súa primeira exposición individual tivo lugar no Art Institute de Chicago en 1961. Posteriormente, e á vez que continuou coa fotografía, tamén dirixiu un bo número de películas, entre as que sobresae o polémico documental «Cocksucker Blues» sobre unha xira dos Rolling Stones en 1972, con imaxes explícitas de consumo de drogas e sexo en grupo que provocou a súa prohibición. 
 
Tamén realizou filmes experimentais como Conversations in Vermont (1969) e Life Dances On (1980). En 1996, recibiu o Premio Internacional da Fundación Hasselblad, un dos máis prestixiosos de fotografía. A súa última retrospectiva «Looking In: Robert Frank's The Americans» foi estreada na Galería Nacional de Washington en 2009.
 
 
 [Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário