Publícanse en castelán os contos do escritor italiano sobre a vida cotiá nos Alpes, cos ecos da Segunda Guerra Mundial ao fondo
Por X. F.
Cando o italiano Mario Rigoni
Stern (Asagio, 1921-2008) publicou o seu primeiro libro en 1953, O
sarxento na neve, a obra recibiu o premio Viareggio. Na
cerimonia Rigoni coñeceu a Adriano Olivetti e aproveitou para pedirlle unha
rebaixa á hora de facerse cunhas das súas máquinas de escribir; valíalle unha
de segunda man. Olivetti regaloulle unha Lettera 22 e a carreira de Rigoni
ampliouse nunha vintena de libros ata o seu falecemento. A anécdota é
reveladora da relación do autor coa literatura: natural, sen prexuízos ou falsas concepcións esteticistas.
De feito, Rigoni empezou escribindo, como mostra o seu debut, sobre as súas experiencias
como soldado na Segunda Guerra Mundial e o seu paso polos campos alemáns.
O bosque
dos urogallos, o seu segundo libro, publícase agora en castelán, e nel
percíbense aínda os ecos bélicos que marcaron a vida de Rigoni, pero ábrense
paso con forza os outros temas que irían aparecendo a súa obra: o
mundo natural no seu sentido máis amplo, concretado nas paisaxes e vidas
alpinas, dos que Rigoni era bo coñecedor. As montañas, a caza -co
diñeiro do Viareggio comprouse unha escopeta-, os ceos estrelados son
protagonistas destas narracións nas que o escritor, convertido en funcionario
-da oficina de impostos ao catastro-, se vale dunha linguaxe tan sinxela como
eficaz. Non faltan tampouco as referencias á emigración -América,
Australia-, que tamén tentou a Rigoni, aínda que finalmente a descartou, ou as
cotidianidades da burocracia, como no relato Exame de oposición.
O bosque
dos urogallos é unha boa ocasión para coñecer a un escritor que mereceu
eloxios como os de Primo Levi, que lle escribiu,
tras ter lido o libro para expresarlle a súa única obxección: que era demasiado
breve.

Sem comentários:
Enviar um comentário