quinta-feira, 29 de agosto de 2019

Eu son do norte

Por BIEITO ROMERO 

Estamos nun período estival estraño no norte de Galicia, no sur falan dun bo verán e no resto da Península soportan calores extremas e abafo xeneralizado. Os que fan as medicións planetarias din que a temperatura global subiu arredor dun grao nos últimos anos, e é certo que están acontecendo fenómenos anormais relacionados co clima en moitos lugares do mundo mentres que as masas de xeo polar se derreten ano tras ano.

O cambio climático é unha certeza, e cada ano os desaxustes neste aspecto son máis manifestos e preocupantes. Neste espazo xeográfico do concello de Arteixo, onde vivo, este verán foi desequilibrado e dificilmente predicibel, pero non moi diferente ao doutros veráns galegos que eu lembre. As temperaturas son as propias desta época, cunhas máximas que oscilan entre 18 e 25 graos e unhas mínimas que non baixan moito dos 16. O vento é maioritariamente nordestada, moderado e para min molesto, pero grazas a el as boinas de polución dalgunhas áreas urbanas desaparecen.

Eu recordo sempre deste xeito os veráns de por aquí. Un ir e vir de temperaturas con néboas e poallas que entran dentro do habitual. Mais dun tempo a esta parte semella que se non temos sol e calor arreo durante dous meses non é normal. Deberiamos acostumarnos a entender que estamos en Galicia, onde, efectivamente, as cousas do tempo mudaron. Mais seguimos situados no mesmo lugar xeográfico, na confluencia do océano Atlántico co mar Cantábrico, onde moitas variables climatolóxicas son posibles, e grazas a iso temos un clima temperado que facilita que aínda sexamos un país verde e fértil. Eu gozo con este tempo no que case que podemos ver, por veces, as catro estacións nun mesmo día. Sei que isto que estou escribindo pode non ser do agrado de moitas e moitos dos que me lean, pero así o percibo. Síntome moi do norte, de auga, de humidade, de temperaturas suaves, de durmir ben, de verde e de gris. Esa é unha parte da nosa riqueza á que non penso renunciar, porque do outro hai abondo sen ter que ir moi lonxe.


[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário