As Prensas Universitarias de Rennes publican a obra, cun prefacio do hispanista Jean- François Botrel
Terre de Galice. Histoire d'un
finistère européen é o
título da edición francesa do gran clásico de Ramón Villares (Xermade,
1951), que veñen de publicar as Prensas Universitarias de Rennes. O volume leva
un prefacio do hispanista Jean-François Botrel, bo
coñecedor da realidade galega e española, especialista no século XIX e tradutor
de Clarín.
A edición chega despois do nomeamento de Villares como doutor
honoris causa en Rennes, onde pronunciou un discurso que sintetizaba as liñas
xerais da súa Historia. No contexto do interese mutuo entre
Galicia e Bretaña -a participación galega este ano como cultura convidada no
Festival de Lorient é só unha mostra máis dunha longa relación- o volume pon de
relevo a posición galega na fisterra peninsular, pero que ao mesmo tempo
facilita a súa conexión atlántica e europea. «Hai certas semellanzas entre un
territorio e outro», coincide o historiador, quen non obstante aclara que o
seu libro ten por obxectivo chegar ao lector alén desas confluencias e
apelar a franceses, canadenses ou suízos con interese en Galicia.
Xa que logo, este Terre de Galice achegaralles
a estes lectores unha visión detallada do devir histórico de Galicia, que
tradicionalmente só ocupa apenas unhas liñas na historiografía xeral española,
na que aparece con certo protagonismo no período medieval. Villares sostén que
para un público francés hai coincidencias na súa propia historia e na de
Galicia, como, por outra banda, tamén acontece noutros lugares de Europa, pero
neste caso existiron vencellos destacados como a presenza de monxes, bispos ou
arquitectos galos en Santiago: aínda hoxe a ruta francesa é a
máis importante e frecuentada nos camiños composteláns de peregrinación.
Terre de Galice foi
traducido directamente do galego ao francés -algo
do que Villares se sinte especialmente satisfeito- por Béatrice Pépin, que fixo
«un traballo impecable», segundo o historiador. Logo o texto foi sometido a
diversas revisións e axustes, tanto literarios como técnicos, un proceso ao que
contribuíu tamén o prologuista, Jean-François Botrel.
[Imaxe: PACO RODRÍGUEZ - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:
Enviar um comentário