O
tradutor vén de verter ao galego o gran clásico do italiano Primo Levi,
«Se isto é un home»
Garrido dedicou a súa tese a Primo Levi
Por JORGE LAMAS
Xoán Manuel Garrido Vilariño é
doutor en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo coa tese Traducir
a Literatura do Holocausto: Tradución/Paratraducción de «Se questo è un uomo»,
de Primo Levi (2004). Ese traballo fixo que, este mesmo ano,
asumise a tradución ao galego do afamado libro do autor italiano, que Xerais
vén de publicar co título Se isto é un home.
-Esta tradución ten orixe
na súa tese. Que foi o que lle animou a achegarse ao tema do Holocausto?
-Ten que ver coa miña infancia e aquela serie de televisión
titulada Holocausto.
Impactoume moito porque non me cabía na cabeza que se puideran destruír seres
humanos nunha cámara de gas. Aí empecei a interesarme polo asunto, e aínda máis
cando vin aquela foto dun neno coas mans levantadas e que era apuntado pola
metralleta dun soldado das SS. Pareceume unha imaxe patética e á vez de
espanto.
-Verter dun idioma a outro
supón unha transformación do texto?
-Si, sempre que hai unha tradución hai unha transformación do
texto, e non depende do grao de obxectividade que teña o tradutor. Un pode ser
todo o neutral posible, pero o tradutor non é un ser sen sentimentos nin
emocións. Esa emoción sempre é educada e, polo tanto, está condicionada por
como pensa e polas normas e valores que ten. Agora ben, dentro deses niveis de
reescritura, o texto sempre ten que ser aceptable e adecuado ao orixinal.
Entón, moitas veces todas esas traducións móvense entre eses dous parámetros, a
aceptabilidade coa sociedade receptora e a adecuación ao texto orixinal e a
sociedade orixinal. Non é o mesmo ler esta tradución nunha época determinada
cun discurso sobre o tema de que se trate determinado, que lelo noutra época.
Sempre hai unha reescritura e unha manipulación, no bo sentido do termo, aínda
que tamén pódense producir outro tipos de manipulacións.
-Xa aconteceu con este propio
libro noutras traducións anteriores ao inglés e o francés?
-Si, e estamos falando de traducións que se están vendendo por
miles de exemplares en francés e inglés. No caso francés, para que vexa como
condiciona o elemento histórico na tradución, a primeira tradución é do ano
1961 e foi retirada do mercado. Eu compareina, e está moi ben feita en canto a
lingua, pero demostra que quen goberna unha tradución non é o nome de que a fai
senón os editores e quen a encarga. Neste caso, encargárona porque se estaba
celebrando o xuízo de Eichmann en Israel. Eu penso que a quen fixo aquela
tradución dixéronlle que quitase todas as referencias a Divina
Comedia e todo o que non fose falar do campo de exterminio e
as condición de vida alí dentro. A testemuña que se buscaba estaba relacionada
co que pasaba no xuízo de Xerusalén. Primo Levi dixo daquela tradución que
estaba feita con mala baba.
-Cal foi a principal
dificultade técnica neste traballo?
-Decidir como presentaba os versos da Divina Comedia. Primo Levi
pagoulle a un xudeu francés que o salvou dunha morte segura cunhas leccións de
italiano, traducíndolle a obra de Dante. Ese acto é o único momento do libro no
que se sinte ser humano, e o fai traducindo. É un elemento que
o fai sobrevivir, porque recorda de onde provén e que é un ser
humano. Tiven que decidir se traducir ao galego os versos, e optei por deixalos
en italiano por esa circunstancia.
-Pódese tomar este libro
como unha advertencia?
-Si, e esperemos que lle fagamos máis caso que a aqueles que
advertiron no seu momento do que ía pasar e non lles fixeron atenderon. Na
actualidade se está banalizando á persoa humana, e reaparecen con forza os
supremacistas; é un aviso de incendio, e creo que non nos estamos dando conta
de que xa nos estamos queimando. Walter Benjamin ou Stefan Zweig xa o
advertiron antes de que chegaran ao poder os nazis.
-O sistema editorial galego
ten que traducir máis a literatura escrita noutros idiomas?
-Para a súa normalización é fundamental que os lectores en
galego poidan ler o que ten éxito no mundo, pero que estamos nunha cultura
minorizada. Por exemplo, a xestión da tradución deste libro, que ten os
dereitos a Fundación Primo Levi, durou ano e medio. Cando Xerais púxose en
contacto con eles, quixeron saber quen era eu, e despois tiven que enviarlles
os tres primeiros capítulos para que eles, cun informante en Galicia que eu non
coñezo, puideran ver como traducía eu. Cando se trata de autores con entidade,
a editorial de orixe quere garantías.
[Imaxe: M.MORALEJO - fonte: www.lavozdegalicia.es]
|
Isac Nunes da Luz Cordeiro *** Tradutor Público e Intérprete do Comércio *** Idiomas: francês, espanhol, catalão e galego *** Matriculado na Junta Comercial do Estado do Paraná *** Curitiba *** República Federativa do Brasil
segunda-feira, 6 de maio de 2019
Xoán Manuel Garrido: «Sempre que hai unha tradución hai unha transformación do texto»
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)

Sem comentários:
Enviar um comentário