Un artigo de CARLOS G. REIGOSA
O gran cineasta Woody Allen, que fixo 83 anos de idade o
pasado 1 de decembro, levaba xa ben tempo sen que ninguén se achegase a el para
financiarlle unha nova película, unha das moitas que aínda ten na cabeza e
detrás das que antes corrían os produtores. Ben seguro que o lector se acorda de Annie Hall, Manhattan, Balas sobre Broadway, Match
Point e moitas outras. Todas obras do gran creador agora
zarandeado por sementadores de acusacións vencelladas ao acoso sexual. Algo
excesivo neste caso, porque, onde están as probas contra el? E se existen, por
que non está no cárcere?
É unha triste historia a súa, certo. Unha historia que lle
tocou por moitas razóns, entre elas por non ter morto xa. Porque foi por isto
polo que lle deu alcance unha causa pública empurrada polo movemento MeToo, que
acugula xustas denuncias, pero, se cadra, tamén algunhas vinganzas. A Woody
Allen tocoulle apandar cos odios africanos dun guerracivilismo familiar. E aí
está, cunha película terminada e retida polo coloso Amazon (ao que el acaba de
demandar por incumprimento de contrato) e con outras na cabeza que ninguén lle
encarga por medo ás consecuencias de apoiar a un xigante encadeado... Mais
agora a española Mediapro acaba de darlle unha oportunidade. A ver!
O director de fotografía Vittorio Storaro, que gañou tres Óscar e que traballou
ás ordes de Allen en tres filmes, ousou responder o que pensa: «Se se refiren
ás acusacións, para min Woody non é un monstro, é unha vítima». É algo que
moitos comparten no seu contorno, pero poucos ousan dicilo. Esta é unha parte
noxenta da historia. Un caso (o seu) que Allen debería poder levar ao cine,
porque quizais ningún outro director lograría contar esta traxedia desde a súa
ladeira máis persoal e doente.
O cineasta tense por unha vítima desta época que lle tocou
vivir. E quizais xa miraba o seu tempo restante coma o dun xenio condenado a non
crear máis, a non existir como cineasta, a verse desaparecido nun combate que
comezou de súpeto e ao que non se lle vía o fin. Cousas de destinos cruzados,
moitas veces absurdos e crueis… Mais parece que agora puidera non ser este o
final do cine de Woody Allen. Irémolo vendo.
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário