A Mesa publica O tempo meteorolóxico, un libro
ilustrado de pequeno formato que forma parte do proxecto didáctico para
educación infantil iniciado por O abecedario, As aves e Os peixes e
outra fauna mariña.
A Mesa pola Normalización da Lingua publica O tempo meteorolóxico, un fermoso libro de pequeno formato ilustrado por Miguel Robledo para que a cativada identifique os fenómenos meteorolóxicos
e o seu nome en galego. Este título forma parte xunto con O abecedario,
As aves e Os peixes e outra fauna mariña do proxecto didáctico que A
Mesa adica á educación infantil, proporcionando materiais en galego para
nenas e nenos de 0 a 6 anos co obxectivo de potenciar o uso de vocabulario na nosa lingua nesta etapa.
O ilustrador do volume é Miguel Robledo (Ourense,
1970), que como autor de cómic colaborou con La Voz de Galicia, Factoría
K e El Jueves e como ilustrador editorial ten obras publicadas por
Edicións Xerais, Mcgraw Hill USA, Santillana DuendeBux e Eurisaces
Editora. Na actualidade é director creativo de Punto e Coma. Tamén
traballou no proxecto de serie de televisión 3D O labirinto dos soños,
realizou tanto a arte conceptual e do storyboard de Holy Night e o
concepto de animación e a preprodución de Objetos perdidos. Como
docente, ofreceu cursos e obradoiros para a Universidade de Vigo,
Espacio Creativo The Room e foi titor en formación en centros de
traballo para a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de
Ourense.
A Mesa quere contribuír con esta liña de publicacións a suplir a escaseza de materiais didácticos en galego para
a etapa de 3 a 6 anos, fronte á grande cantidade de recursos existentes
en castelán e en inglés, sobre a que alertou no Estudo sobre a
educación infantil de Galiza de 3 a 6 anos. Curso 16/17, que se pode
descargar no portal web da Mesa.
“Os poucos materiais didácticos que existen para esta etapa débense ao
compromiso das e dos educadores e mais á iniciativa social ou privada e
dalgúns concellos, sen que haxa respaldo e promoción por parte da Xunta,
que se desentende de poñelos a disposición das escolas”, apunta esta
entidade. Isto, di, supón un agravio comparativo, posto que o
profesorado que queira traballar na nosa lingua coa cativada ten que
elaborar os seus propios materiais.
O libro está xa nas librarías do país e pódese mercar, tamén, na web da
Mesa por 7,20 € para persoas socias e 8’55 € para público xeral. Hai un
anaco dispoñíbel para consulta aquí.
[Fonte: www.galiciaconfidencial.com]
Sem comentários:
Enviar um comentário