quinta-feira, 23 de agosto de 2018

«Galicia é unha fonte inesgotable de inspiración»

Glauber Senarega debuta co libro «O segredo dos milenios», que terá continuidade 



Por MONTSE GARCÍA 

A Glauber Adrián Senarega (A Habana, 1997) sempre lle gustou crear e imaxinar historias: «Antes de saber escribir, xa creaba as miñas. Fixen o meu primeiro conto cando tiña cinco anos». Agora, aos seus 21 anos, este mozo descendente de galegos, presentará esta tarde a súa primeira novela en Santiago (19.30 horas, librería Couceiro). O segredo dos milenios (Chiado Editorial) é unha historia fantástica protagonizada por tres novos que se enfrontarán a enigmas que durante séculos fascinaron á humanidade, como a desaparición dos avións no triángulo das Bermudas, antigos templos mayas e os moais, entre outros. 

Senarega comezou a novela con 14 anos. «Escribira contos, un curto de ficción e un guion para unha película, pero quería que fose unha historia longa», explica o mozo. A partir de aí, foi encaixando pezas ata completar máis de 400 páxinas. Houbo momentos craves nese proceso creativo, como as suxestións da súa nai, a xornalista Natasha Vázquez, cando levaba as cen primeiras páxinas, ou posteriormente as recomendacións do escritor cubano Amir Vale -autor do prólogo- despois de remitirlle un primeiro avance. 

A enciclopedia Os grandes enigmas da Humanidade, -«que devorei», explica- foi a súa principal fonte de información. Pero Galicia, onde viaxou por primeira vez no 2008, tamén está na base. «Sempre considerei estas terras como unha fonte inesgotable de inspiración, porque me parecen unhas terras máxicas. Os castros déronme a idea para os moais, porque teñen unhas lendas detrás», explica o mozo, que agora estuda en Moscova. 

E aínda que nesta primeira novela Galicia non aparece como tal, Senarega xa avanza que na segunda desta saga si que será protagonista: «Parte da historia transcorrerá aquí». A súa intención é publicar unha triloxía. Ademais, a mitoloxía galega está moi presente noutro traballo que ten en marcha pero que é alleo á saga. 

O soño deste seguidor de Harry Potter -«foron os primeiros libros que lin»-, vai máis aló de crear historias: «Tamén quero dirixilas». Por agora, a curto prazo e tras ver a acollida, ten unha cousa clara: dedicarlle máis tempo a escribir.



[Imaxe: LUCÍA JUNQUEIRA - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário