sexta-feira, 6 de julho de 2018

Un caso de 'xustiza patriarcal' con dous séculos de antigüidade, no Arquivo do Reino de Galicia


Arquivo do Reino de Galicia



Por Marcos Pérez Pena 


Estes días estase falando moito de xustiza patriarcal e dos nesgos machistas existentes tanto na literalidade das normas en vigor coma na súa aplicación por parte da Xustiza. Por suposto, estes tipo de situacións déronse aínda con máis gravidade noutros momentos históricos e unha mostra é unha causa criminal do ano 1819 que se conserva no fondo documental da Real Audiencia de Galicia e que esta semana difundiu o Arquivo do Reino de Galicia na súa conta de Facebook. "Un exemplo da escasa capacidade xurídica das mulleres para defenderse dos malos tratos a que con frecuencia, entonces coma hoxe, eran sometidas", destacan dende o Arquivo.
Lendo o documento, coñecemos o caso de María del Carmen Mosquera, de 16 anos, casada “en estado de preñez” e veciña de Ferrol, que se refuxiara na casa do seu pai, don Gonzalo María Mosquera, na Coruña, por mor do maltrato e ameazas de morte que por escrito recibira do seu marido, José María Bermúdez de Castro, que nos anos seguintes chegaría a desempeñar importantes cargos políticos, como Xefe Político da Provincia de Lugo (1836), deputado a Cortes por Lugo (1836-37) e mesmo Alcalde da Coruña (1856-58). A moza recibira tamén a axuda e o apoio do seu tío, Bernardo Mosquera.
Nese momento, José María Bermúdez de Castro contaba con 20 anos, catro máis ca ela. Militar de profesión (chegou a ser Tenente Xeneral de Infantería de Marina), obtivo unha Real Orde para que a muller volvese con el coa “devida sumisión” para "llenar las obligaciones de madre y esposa sin dar margen a que Su Magestad emplee su paternal rigor para hacérselas cumplir". A Real Orde, que falaba dunha "ligera diferencia doméstica que ocurrió entre los dos cónyuges" tamén ordenaba que o home tentase evitar "todo motivo de desavenencia" tratando "a su muger con la dulzura que reqiere su delicado sexo y exige la prudencia".Finalmente, pedía "facer entender" ao pai da muller maltratada que debía "disuadir a su hija de cualquiera idea caprichosa a que su edad juvenil pueda dar acogida sin apoyar sus pueriles tentativas, encargándola la sumisión y respeto acia su marido como su única caveza".
Porén, malia a existencia da Real Orde, o fiscal da Audiencia opúxose por completo ás medidas suxeridas e defendeu que a muller non abandonara de forma lixeira o domicilio conxugal senón que na súa conduta existían outros motivos moito máis fortes:
“Es público y notorio el continuado mal trato, la tiranía y crueldad con que don José María Bermúdez aflige a su joven esposa; es público y notorio que la inficionó de gálico; es público público y notorio que aún está curándose en esta ciudad y es público y notario que esta infeliz víctima de la irreflexión no ha venido aquí sino con orden superior. Todo esto se ocultó maliciosamente al Soberano, pintándole únicamente una liviana desavenencia doméstica..."
A pesar do forte posicionamento do fiscal, a Sala do Crime da Audiencia resolveu sobreser a causa e devolver o expediente ao Capitán Xeral, de acordo coa Real Orde, onde se gardaría no “arquivo secreto". "Semella que o honor do marido prevaleceu sobre calquera outra consideración", comentan dende o Arquivo.
O que podemos saber é que a parella permaneceu xunta ata a morte de ambos os dous, moitas décadas despois. María del Carmen Mosquera finou na Coruña en 1863, aos 60 anos de idade. E José María Bermúdez faleceu en 1878 na cidade herculina aos 79 anos de idade. María del Carmen Mosquera tivo seis fillos e fillas, entre os 16 e os 25 anos, entre eles Francisco de Castro y Mosquera, nacido finalmente nese mesmo ano 1819, e do que ela estaba embarazada no momento dos feitos. 


[Imaxe: CC BY-SA Krisko - fonte: www.praza.gal]

Nenhum comentário:

Postar um comentário