segunda-feira, 9 de julho de 2018

“Son de Singapur e falo galego”

Quosh naceu en Singapur e estuda en Oxford. Domina moitas linguas, entre elas o galego. Estuda lírica medieval galega e interésanlle os idiomas minorizados. É un dos alumnos dos cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”.



Por F. CAROU 

Case 3.000 persoas melloraron o galego nos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, que neste 2018 chegan á trixésimo primeira edición. Preto de 80 alumnas e alumnos procedentes de 24 países de Europa, América, Asia e África participan este ano nas aulas teóricas e prácticas de lingua e literatura galegas. Unha iniciativa coorganizada pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galegada Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña.


Quosh, un estudante de Oxford nado en Singapur, é un dos alumnos que este verán se forman en Compostela. Afirma que aprendeu galego “por capricho” no Centro de Estudos Galegos e que participa nos cursos “Galego sen fronteiras” porque lle interesan “os idiomas minorizados e a sociolingüística, ao igual que as cuestións de normalización e o estudo da lírica medieval galega”. Admite gostar, en especial, das cantigas de amor.
A xornalista madrileña María Luisa, que fora directora do diario gratuíto Metro, é outra das alumnas. Explícanos que a meirande parte de quen toma parte dos cursos da RAG e do ILG “é lingüista e unha pequena parte é descendente de galegas e galegos e ten moito interese en recuperar a lingua”. É o seu caso. “A miña nai era galega, mais non falaba galego porque era da época da diglosia forte e na casa rifábanlle cada vez que o falaba. Aos 16 emigrou a Madrid e perdeu o pouco que sabía”, sinala. Tamén é filla de catalán, “meu pai era moi catalán, mais tamén perdeu a lingua”. Insiste en que á súa idade “fago esforzos por aprender e mellorar galego”.

Jon, de Bilbo, participa da iniciativa logo de ser alumno dos cursos de sociolingüística e literatura galega da Universidade de Deusto. Di non ter vinculación familiar ningunha con Galiza, mais quixo aprender a lingua “por respecto” e por identificarse, como euskadun, coa situación que padece o galego, “é certo que en Euskadi hai menos falantes de euskera que na Galiza de galego, mais percibo que en Euskadi hai moito máis interese por parte dos políticos e das institucións por facer programas de inmersión lingüística que aquí”.
O catalán Max accedeu aos cursos a través dunha aula de literatura galega da Universitat de Barcelona na que participou. Admite que fala máis a súa lingua que galego na Galiza porque atopa “moitos cataláns” en Compostela. Nado no Baix Llobregat, considera que o catalán “está moito mellor que o galego a nivel oficialidade, o feito de que haxa moitos máis medios de comunicación na lingua propia en Catalunya que na Galiza é só unha das moitas mostras”. Porén, advirte que hai zonas dos Països Catalans en que non se fala tanto catalán “como se pensa”. “Nas vilas está máis vivo o galego que o catalán en moitas zonas de Catalunya como son as proximidades de Barcelona ou Tarragona”, asegura, “quizais se deba á emigración que procedeu doutros territorios do Estado”.
Lucille, de Franza, tamén se animou a estudar galego. Vive en Roma e salienta que gosta de aprender novos idiomas “por curiosidade e por descubrir outras culturas”.
“Un chute de autoestima”
O recentemente nomeado director do ILG, Xosé Luís Regueira, foi o primeiro profesor destes cursos para persoas de fóra da Galiza na altura de 1988. “En principio, a idea encamiñábase a lograr que o galego tivese presenza nas universidades do exterior, algo que os cataláns fixeran xa nos sesenta”, explica, en declaracións  a Sermos Galiza.
O académico de número e profesor da USC lembra como, na súa estadía na Universidade de Colonia, apenas había libros en galego, “tan só o dicionario de Franco Grande; a gramática de Carvalho Calero ou El idioma gallego, de De La Iglesia, e mesturadas con obras navarras, asturianas…”.
Pasado o tempo, xurdiron os centros de estudos galegos nas universidades. Existimos, salienta Regueira, na medida en que estamos presentes no mundo e afirma que na actualidade rapaces de Varsovia, Oxford ou Nova Iorque teñen a posibilidade de estudar literatura galega ou lingua galega. “Hai rapazas de distintos países que fan o equivalente ao Traballo de Fin de Grao sobre gramática galega, ou sobre a literatura galega”, di. “Estes cursos dan como resultado traballos universitarios en galego. Un catedrático de Zurich, que segue a vir por aquí, fixo en galego a súa tese e potencia a lingua nas universidades en que está”, agrega, “ao igual que hai vinte libros galegos traducidos ao ruso grazas a unha catedrática rusa, ou Cousas, de Castelao, en romanés, grazas a un profesor de Romanía”.
Regueira, que dirixe os cursos xunto o profesor e académico Henrique Monteagudo, pon en valor “o chute de autoestima” que representan os citados exemplos e o feito de que se percibida a galega, tamén no exterior, unha cultura valiosa. “Trátase de normalizar a cultura galega, que sexa vista nas universidades como unha cultura, unha lingua e unha literatura máis, porque as persoas de fóra non teñen ningún tipo de prexuízo ao respecto”, engade.
“Aquí tendemos a pensar: para que quere este alumnado o galego? Para que lles serve?, mais a pregunta deles é: por que non o vou facer? Ademais, venlle moitas posibilidades ao galego pola proximidade co portugués”, conclúe.
Unha “visión plural” de Galiza
Os cursos combinan aulas teóricas e prácticas con palestras que, segundo a Academia, ofrecen unha visión plural da cultura galega a través das olladas de profesionais do mundo do teatro, a poesía, a divulgación científica ou os medios de comunicación, excursións e obradoiros ou roteiros sobre a tradición musical.
Este ano participan das palestras o catedrático de Historia Contemporánea e académico de número Ramón Villares; o músico Mauro Sanín; a directora do semanario Sermos GalizaMaría Obelleiro; o xornalista da TVG Alberto Mancebo; a actriz e o actor de Chévere Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; a investigadora e poeta María do Cebreiro Rábade Villar; a profesora Pilar Ponte; a xurista Alba Nogueira; o científico e divulgador Xurxo Mariño e o sociolingüista bengalí Anik Nandi.

[Fonte: www.sermosgaliza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário