quarta-feira, 4 de julho de 2018

Ramón Nicolás: «Hai moitos libros aínda por escribir sobre a relación de Galicia e Arxentina»

O profesor e crítico literario recunca na ficción cunha novela arredor da «noite dos lapis» da ditadura militar


Por XESÚS FRAGA  

O profesor e crítico literario Ramón Nicolás (Vigo, 1966), publica a súa segunda obra de ficción, Lapis na noite (Xerais), na que se mesturan o exilio e as vítimas de dúas ditaduras, a franquista e a arxentina da década dos setenta.

 -Primeiro unha novela relacionada coa Idade Media, agora unha coa ditadura arxentina cun gran protagonismo. Por que ese interese polas historias do pasado?
 -Talvez porque é no pasado onde reside a memoria, asunto arredor do que sinto unha particular devoción, ou mesmo se se quere entender unha obsesión. Esta novela comeza cun paratexto do poeta Juan Gelman, que tiña que estar nesta proposta, e que di que a memoria é memoria se é presente. O propio Borges afirmaba que somos memoria, que entendía como un quimérico museo de formas inconstantes, unha morea de espellos rotos. Dun ou doutro xeito entendo o pasado, afastado ou próximo, como unha maneira de coñecernos a nós mesmos.

-O certo é que tanto na anterior como nesta non se pode falar de novela histórica no sentido estrito, xa que están narradas dende o presente. É unha forma de subliñar como os feitos que nos antecederon seguen a influír tanto hoxe?
-En efecto. Gústame a mestura de planos narrativos e temporais, axuda a ofrecer unha lectura que non sexa estritamente lineal e na que as persoas que se acheguen á novela participen dun xogo no que tamén son parte relevante. Eu creo que nada está definitivamente morto, nin sequera cando así o parece, pois sempre pervive o eco ou a evocación dun xesto, dunha emoción ou dunha historia experimentada en carne propia ou contada por outra persoa para que chegue así a nós. 

-Que lle interesaba deses anos? 
-Na realidade a novela parte dunha simple pregunta que me formulei e que ten que ver co entorno profesional no que me movo día a día e que é a adolescencia. Que pasaría se hoxe un grupo de adolescentes, comprometidos política e socialmente cun futuro máis xusto, como os hai, se visen envoltos nunha persecución inimaxinable e feroz. Iso pasou ao comezo da ditadura arxentina nun capítulo dos máis tristes deste período, a chamada «noite dos lapis» e eu só o recreo desde a ficción, a carón doutras historias que circulan por el, dalgún xeito subterraneamente. 

-A novela ten un enganche galego: xa sabemos da importante presenza galega na Arxentina, pero, é tamén un xeito de que dende a nosa literatura podemos contar cousas sen ningún tipo de limitación, temporal ou xeográfica, por afastada que pareza?
 -A vinculación entre Galicia e Arxentina, dun ou doutro xeito, é aínda hoxe palmaria e evidente, non hai máis que lembrar a recente polémica verbo do cadro de Castelao depositado no Centro Galego... Hai moitos libros que contaron esas relacións e creo que están tamén por escribir outros moitos que reparen nelas desde outras ópticas e dimensións. Situar un dos eixes da novela en Buenos Aires, no fondo, non supuxo un grande esforzo porque teño para min que neste caso seguimos a falar de nós porque hai un imaxinario común, unha extensión de nós que nos une. E, evidentemente, entendo que non hai limitación de ningunha clase para contar e concibir tramas de calquera tipo en calquera tempo... aínda diría máis nunca a houbo e resulta saudable que así sexa.

-Como foi o proceso de documentación e escrita?
 -A novela gozou dun pulo importante tras unha visita que realicei a Buenos Aires hai seis anos: unha vista relampo pero, ao tempo, impactante. Sei que a experiencia non é privativa pois moitas persoas que coñezo viviron algo semellante. O proceso de documentación foi dilatado no tempo e non se limitou unicamente a fondos bibliográficos, tamén audiovisuais e sonoros. A escrita, igualmente, respondeu a un proceso vagaroso que tivo bastantes versións ata a que ve a luz, logo de considerala definitiva.

-A boa literatura adoita encarnar en peripecias individuais os grandes dramas colectivos. Como foi inspiración dos personaxes?
-Nesta ocasión os personaxes foron chegando a min como cereixas dunha cesta, uns tras outros tras idear o que quería contar. A conexión que dous personaxes fan de Galicia con Arxentina, un nos anos cincuenta nunha sorte de exilio e outra máis recentemente, era obrigada para establecer un elo que testemuñase como a resiliencia e, dalgún xeito, a resistencia son as únicas maneiras de entender a vida. 
 
-Despois de dúas novelas xa, segue con máis ganas de ficción?
-Quen sabe! Historias fascinantes para contar sempre hai. Outra cousa é acertar como darlles forma.
 
 
[Imaxe: Xoan Carlos Gil - fonte: www.lavozdegalicia.es]




Nenhum comentário:

Postar um comentário