segunda-feira, 9 de julho de 2018

“Polo si ou polo non”, no canto de “por si las moscas”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".  
A favor e en contra | Fonte: ortohacker
Por Xosé Antonio Pena  
¿Cantas veces non teremos escoitado, naqueles casos en que unha persoa actúa con prudencia para evitar unha hipotética situación negativa ou prexudicial, aquilo de "por si las moscas", dito xa ó dereito en castelán? Pois o certo é que non fai falla recorrer a esta lingua, xa que en galego temos, e inda hoxe vivas, varias expresións que refiren exactamente o mesmo contido. Velaquí as están:
Por si las moscas
{= Polo que poida suceder, e en previsión de evitar calquera tipo de eventualidade negativa, non desexada ou prexudicial, ou de precaverse ante ela.}
Polo si ou polo non
Polo si, polo non
● E mesmo:
Polo si e polo non
Ex.: Por si las moscas, además de la tarjeta también se llevó dinero en efectivo.
Polo si ou polo non  Polo si, polo non, ademais da tarxeta tamén levou diñeiro en efectivo.
● Tamén:
Por si acaso
Por se acaso && Se acaso && Por se un caso
Ex.: Por se acaso  Se acaso  Por se un caso, ademais da tarxeta tamén levou diñeiro en efectivo.
● Tamén, en certos contextos:
No ir a ser
Non ir ser && Non ir ser o demo && Non ir ser o conto && [E MESMO, ASOCIADA A REXISTROS DE USO MÁIS POPULARES, E MESMO VULGARES]: Non ir ser un carallo
Ex.: Decía que no había pillado la enfermedad, pero, por si las moscas, acabó yendo al médico.
Dicía que non collera a enfermidade, pero, polo si ou polo non  pero, por se acaso  pero, non fora ser  pero, non fora ser o demo  pero, non fora ser o conto  pero, non fora ser un carallo, acabou indo ó médico.
NOTA:
As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Ferro Ruibal, Xesús: Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.
- García Represas, Delio: Estudio na fala de Xinzo, Ponteareas. Contribución á lingüística descriptiva do galego. Tese de licenciatura, 1996. Universidade de Santiago de Compostela.
- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.
- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

[Fonte: www.galiciaconfidencial.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário