quarta-feira, 6 de junho de 2018

Trescentas persoas piden a oficialidade do galego-asturiano


En pleno debate polo recoñecemento oficial do bable, alcaldes do Occidente apoian o manifesto 

Por Vanesa Gómez Lourido
Un manifesto asinado por 308 persoas pide que o galego-asturiano teña o mesmo status xurídico que o asturiano. En pleno debate sobre a reforma do artigo 4º do Estatuto de Autonomía do Principado de Asturias, os asinantes do escrito defenden que formulación estableza a oficialidade das dúas linguas en condicións de igualdade.
Segundo o texto, “unha formulación que declarara oficial o asturiano en Asturias e o galego-asturiano soamente no seu ámbito territorial sería claramente desequilibrada e inxusta”. Os asinantes fixan a súa postura nun momento no que, destaca o escrito, “hai unha maioría na Xunta Xeneral de deputados e deputadas de formacións políticas favorables ao recoñecemento da oficialidade”.
UNHA REFORMA DO ARTIGO 4º DO ESTATUTO PARECE PREVISIBLE
E O TEXTO AVOGA POLA INCLUSIÓN DO IDIOMA 
 
Os falantes das dúas linguas autóctonas de Asturias, sexan máis ou menos miles, teñen que ter os mesmos dereitos. Desde un punto de vista democrático, non se pode poñer unha lingua por riba doutra e reproducir situacións de subordinación xurídica e sociolingüística coas que, precisamente, se quere acabar”. Polo tanto, conclúe o manifesto, “calquera formulación nova do artigo 4º tería que tratar en pé de igualdade os dous idiomas”.

“MILES DE FALANTES” NA ASTURIAS CENTRAL

O recoñecemento da oficialidade nunha comunidade política determinada busca defender os dereitos dos falantes como cidadáns dela. Neste senso, a realidade territorial do galego-asturiano non pode ser obstáculo para que a xente que o fala poda relacionarse coa administración autonómica na súa lingua propia, máis cando miles de falantes viven na zona central de Asturias”, argumenta o manifesto.
O texto sinala tamén que “o alcance do uso oficial, dos ámbitos de actuación en materia educativa, toponímica, de rotulaxe ou o uso institucional” regularíanse nunha lei de Normalización Lingüística posterior.
Entre os 308 asinantes, que firman co seu nome e a súa ocupación profesional, figuran César Álvarez, Javier Martínez e Marcos Niño, alcaldes dos concellos de Vegadeo, San Martín de Oscos e Santalla de Oscos.

LEXISLACIÓN

O Estatuto de Autonomía do Principado de Asturias, do 1981, sinala no artigo 4º que “o bable gozará de protección. Promoverase o seu uso, a súa difusión nos medios de comunicación e a súa ensinanza, respectando en todo casos, as variantes locais e a voluntariedade na súa aprendizaxe”.
A Lei de Uso e Promoción do Bable/Asturiano de 1998 establece que “o réxime de protección, respecto, tutela e desenvolvemento establecido para o bable/asturiano se estenderá, mediante regulación especial ao galego/asturiano nas zonas nas que teña carácter de modalidade lingüística propia”. Ademais, a Disposición Adicional da norma apunta que “o galego-asturiano terá un tratamento similar ao asturiano no que se refire á protección, respecto, uso e tutela no seu ámbito territorial”.
O manifesto pretende que unha previsible reforma do Artigo 4º do Estatuto para establecer a oficialidade de asturiano e galego asturiano, ata agora non recoñecida, non perpetúe estas diferenzas na protección legal dunha e outra lingua.


[Fonte: www.xornaldamariña.gal]
 

Sem comentários:

Enviar um comentário