terça-feira, 13 de fevereiro de 2018

Homenaxean en Ferrol a Fernando Pérez-Barreiro, avogado, escritor, xornalista da BBC e políglota


Na súa obra bebe de Rosalía, Cabanillas, Rubén Darío, Carvalho Calero ou Noriega Varela, de William Blake, Yeats, Wordsworth, Dylan Thomas ou Seamus Heaney, e de Zhu Ziqing, Liang Zongdai ou Xu Zhimo.
Fernando Pérez Barreiro Nolla, escritor, xornalista e avogado
Fernando Pérez Barreiro Nolla, escritor, xornalista e avogado

Avogado, xornalista na BBC, tradutor, profesor universitario en Londres e políglota que dominaba unha ducia de linguas, entre elas o chinés. Era Fernando Pérez-Barreiro Nolla, un ferrolá ao que este xoves quere lembrar a súa cidade natal cunha homenaxe merecida e a presentación do seu libro 'Poemas do carricanto', de Fernando Pérez-Barreiro Nolla. Fernando Pérez Barreiro Nolla naceu en Ferrol en 1931 e faleceu na cidade inglesa de Lancaster en 2010. Impulsou numerosas iniciativas que tiveron a Galicia como cerna e recibiu moitos galardóns polo seu labor intelectual, desde o Premio Nacional de Tradución de España, a medalla Castelao, o Plácido Castro, o Pedrón de Ouro ou, entre outros máis, o premio de Cultura de Diario de Ferrol.  
Nos seus traballos conviven con elegancia e lucidez da política á literatura, da tradución ao xornalismo, da filosofía á estética. Exceptuando as memorias póstumas “Amada Liberdade” (Edicións Xerais, 2013), nas que o acompaña a súa dona, a tamén escritora Teresa Barro, a variada produción de Fernando Pérez-Barreiro Nolla non incluía ata o de agora escritos íntimos ou persoais agás en xornais e revistas, como o caso da ferrolá “Aturuxo” que dirixiran nos anos 50 Miguel Carlos Vidal, Tomás Barros e Mario Couceiro e no que publicara algún poema en castelán. 
RECOMPILACIÓN DA SÚA OBRA
Así, a súa propia viúva e un grupo de amigos como Fran Silva e Nicolás Vidal decidiron recompilar a súa obra poética en galego. O proxecto, encargado á editorial Espiral Maior baixo o título de “Poemas do carricanto”, está a cargo do profesor e crítico Armando Requeixo e conta cun epílogo de Xosé Luis Méndez Ferrín, compañeiro de xeración do escritor ferrolán. 
Inclúe 37 poemas inéditos na práctica totalidade, elaborados desde 1956 ata 2003, e a edición conta do mesmo xeito cunha variada información gráfica que amosa a Pérez-Barreiro ao longo de diferentes etapas vitais e lugares de todo o mundo.
De Rosalía, Cabanillas, Rubén Darío, Carvalho Calero ou Noriega Varela, de William Blake, Yeats, Wordsworth, Dylan Thomas ou Seamus Heaney, e de Zhu Ziqing, Liang Zongdai ou Xu Zhimo bebeu Pérez-Barreiro para crear unha poesía inédita en galego e décadas por diante do que veu despois, entrando desde xa con este libro no canon da mellor poesía galega. Unha obra que mestura un cosmopolitismo insólito cun insubornable amor a súa terra. No seu epílogo de “Poemas do carricanto”, Méndez Ferrín remata dicindo: “Fernando Pérez-Barreiro Nolla é un grande poeta do meu tempo. Estou seguro de que seguirá séndoo en todos os tempos futuros da nosa lingua e da nosa estirpe”.
Na presentación do seu libro participarán o concelleiro de Educación e Cultura de Ferrol, que empurra a edición do libro, Suso Basterrechea; a escritora e compañeira do poeta, Teresa Barro, Armando Requeixo, crítico e responsable da edición do libro, o deputado galego i editor, Miguel Anxo Fernán Vello, a fronte de Espiral Maior, e o xornalista ferrolá Nicolás Vidal. 

[Fonte: www.galiciaconfidencial.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário