sexta-feira, 9 de fevereiro de 2018

Como dicilo? ≪Castelos no ar≫

Din os portugueses Fazer castelos no ar, para, sen base ningunha, sen alicerces, levantar algo que axiña se pode derrubar doadamente como cartas en pé. É como construír na area. Máis que fabricar algo consistente pois é tecer soños.

O Castelo de Pambre, este non no ar  Foto: X.C.


Por HENRIQUE HARGUINDEY

Os españois din Hacer castillos en el aire e os franceses Faire des châteaux en Espagne (facer castelos en España) se cadra porque facelo lonxe do país de un, a máis de impedir comprobar a veracidade do que se afirma, equival a perder o control, a descontrolarse. 
Dende o francés entrou en diversas linguas outra frase equivalente, que en portugués di vender a pele do urso antes de o ter morto (ou antes de o matar) e en español vender la piel del oso antes de cazarlo. 
Unha e outra veñen sendo o conto da leiteira, botar as contas dela Vemos que está moi perto daqueloutro consello ou conclusión galega que xa citamos: non se poden botar as contas sen a taberneira. Ou, o que vén sendo o mesmo: non se pode cantar vitoria antes de tempo. 
Por outra banda, temos en galego unha frase que acai perfectamente a esa situación na que xa andamos a repartir os bens na nosa cabeza antes de dispormos deles. Dicimos, daquela: Aínda non asamos e xa pingamos. Aínda non puxemos a carne no forno e xa estamos nós vendo como escorrega o pingo, a graxa.
Pingar non o dicimos só da graxa, senón de todo líquido que escorre e cai en pingas, en gotas. E o verbo tamén ten algunhas outras acepcións figuradas, moi especificamente galegas, como cando lle dicimos a alguén que lle pinga unha prenda de roupa; estamos sinalando que lle pende, que lle cai de mais nun punto descompensando a regularidade ou sobresaíndo. 
Como xa dixemos, tamén ás veces o substantivo pinga denomina un líquido moi concreto e específico, o viño ou o alcohol. 
O verbo pingar forma algunhas outras frases feitas galegas: pingar o moco é chorar, pingar laceira (e de aí ser un pingalaceira) é atoparse nun estado de total miseria. Poñerse pingando é mollarse moitísimo, mais cómpre non confundir esta frase con poñer a alguén pingando pois a primeira ten un sentido propio, literal, e a segunda figurado, ‘criticar moi duramente, dar unha boa reprimenda’. 
Estas expresións non existen en español, aínda que si entraron dende o galego no “castelán de Galiza”. Tampouco non existe –nova sorpresa para moitos e moitas– a palabra pinganilla, que os galegos e galegas usamos tan habitualmente para denominar a secreción nasal acuosa propia da catarreira. Non existe en español: trátase dunha construción léxica galega. Outro caso como esmagar, colo, reseso,t oro de pescado e tantos outros galeguismos.

[Fonte: www.sermosgaliza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário