sexta-feira, 17 de novembro de 2017

Un cómic recrea a Galicia da revolta irmandiña

«A espada de San Eufrasio» narra a historia dun campesiño obrigado a vivir como proscrito 



Un artigo de S.F.

Unha viaxe no tempo ata a Galicia medieval é o que propón o cómic A espada de San Eufrasio. A aldea maldita (Diábolo Edicións). Con guión de Pepe Rey e Manolo López Poy, xunto co debuxo de Miguel Fernández, a obra recrea a sociedade da Galicia que está a piques de vivir a revolta irmandiña. O vehículo narrativo é a historia de Rosendo, un campesiño ao que lle arrebatan as súas escasas posesións, o que o obriga a converterse nun proscrito que xura algún día recuperar a súa casa e vingarse de quen lle inflixiu tanto dano. As guerras entre señores feudais, o poder da Igrexa ou o Camiño de Santiago engaden máis profundidade á historia no cómic. 

Pepe Rey, autor da idea orixinal, dedicou dez anos a investigar sobre a época, documentación da que se valeu o debuxante Miguel Fernández para construír a coidada ambientación do álbum. Fernández reconstruíu algúns edificios que xa desapareceron ou que foron modificados ao longo dos séculos. E en moitos casos tirou da súa propia capacidade de observación, especialmente para retratar á familia protagonista. «Era xente curtida nos labores dun campo hostil, sen máquinas e con fame. Era a miña Baralla natal, cando eu era neno. Recordo ver no negocio do meu pai xente así, curtida, e lembro fixarme moitísimo nas súas mans e caras», explica. 

A espada de San Eufrasio, que combina historia con emoción, aventura e intrigas, terá continuación en vindeiros libros. Fernández xa anticipa que aparecerán «Pardo de Cela, o arcebispo de Santiago, un soldado de fortuna e o seu criado mouro ou un cura nigromante...». De momento, a primeira entrega preséntase este sábado en Vigo (Banda Deseñada, 18.00 horas).


[Fonte: www.lavozdegalicia.es]


Sem comentários:

Enviar um comentário