A exposición «Mise en abyme» é a primeira que o artista fai fóra do seu país
Un artigo de TAMARA MONTERO
Asomarse a un acantilado. Colocar os pés case sobresaíndo
do beiril e mirar cara a abaixo. Ou xirarlle a cabeza á boneca. Partila pola
metade para descubrir outra boneca igual, pero máis pequena. E abrirlle o cós
para que apareza outra máis cativa aínda. Ter a sensación de que hai algo
ausente. De que o que interesa non está aí. A falta. Ese sentido de falta é un
dos trazos que definen a pintura de Eduardo Batarda (Coimbra,
1943), unha figura relevante na arte de Portugal da segunda metade do século XX que
porén nunca expuxera fóra do seu país. Ata onte. O CGAC é o primeiro lugar que acubilla unha
mostra individual deste «artista para artistas», como o definiu
o director do museo. Santiago Olmo, na presentación dunha retrospectiva que non
é unha retrospectiva. Polo menos non é unha retrospectiva normal. É o ollar dun
artista sobre outro artista, un exercicio de complicidade. Un mirar xuntos por
ese cantil. É Julião Sarmento deixando o punteiro dos pés no aire mentres mira
cara ao fondo desa abismación característica en Batarda.
«Cada obra de Batarda son todas obras, é unha especie de
matrioska», e extremadamente complexa, «nunca é o que se ve, é sempre o que non
se ve, nunca é o obvio, é sempre o que non é obvio», explicaba o comisario
durante a presentación dun proxecto expositivo que estaba pensado para un
espazo distinto: o Pavilhão Branco de Lisboa. Un proxecto que deixou «unha miga
boquiaberto» ao artista, non afeito a que outro artista se interesase dese
xeito polo que fai, Un proxecto que mudou un chisco con respecto ao orixinal.
Dúas das obras non viaxaron a Galicia porque os seus donos non
ou autorizaron.
A cambio, Mise en abyme -unha
expresión francesa que literalmente se traduce como «posta no abismo» e que fai
referencia a ese solapamento de imaxes en imaxes, como as bonecas rusas- trae a
Galicia Misquoteros, unha
obra composta por unha trintena de teas nas que deambulan libremente frases en
inglés que ben valerían como lemas para colocar nunha camiseta. Frases
extraídas de diversos textos críticos que conflúen no xogo de palabras que é
Misquoteros, unha mestura de misquote (cita errada en inglés) e Mosqueteros, unha serie serodia de Picasso.
«A obra de Batarda, aínda que moi coñecida en Portugal, e
sobre todo coñecida por certa xeración, é unha obra que nunca tiña sido
estudada correctamente». Sarmento define a súa produción como densa, erudita,
non particularmente simpática e de difícil acceso visual e cre que nas dúas
retrospectivas que se teñen feito de Eduardo Batarda a súa produción non se
amosou de xeito correcto. Por iso quería que fose «mostrada doutra maneira», cunha
visión máis afastada dos críticos. «Eu
non son curador, non son crítico. Son artista. En certo modo, esta
exposición, Mise en abyme, é unha exposición do Batarda pero en
certo modo é un traballo meu. Hai unha relación de apropiación
case indebida da obra de outro».
O artista descoñecido que exerceu unha enorme
influencia
Entre 1976 e
o 2008, Eduardo Batarda exerceu unha intensa labor docente na
Escola de Belas Artes do Porto. Por iso tivo unha «gran influencia» noutros, o
que leva a Santiago Olmo a definilo como «artista para artistas» que porén nos
últimos anos foi abríndose a un público máis amplo. «Siendo artista para artistas
ha tenido pocas ocasiones de exponer en galerías y museos», explicaba Olmo
durante a presentación de «Mise en abyme». Esas oportunidades de expoñer son as
que xeran o itinerario profesional e a proxección da que non ten gozado
Batarda, moi presente nas coleccións. Con todo, existe un movemento de
investigación para recuperar figuras «que no han sido suficientemente atendidas»
e que procura a inserción ou reinserción da súa obra.
[Imaxe: Paco Rodríguez - fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário