Un artigo de RODRI GARCÍA
Sorprendido e ata emocionado. Así estaba onte o académico
Antón Santamarina vendo o manuscrito dun
apéndice do Dicionario galego-castelán (1884) de Marcial Valladares. Esta é unha
obra considerada fundamental na lexicografía galega do século XIX «e referencia imprescindible para os dicionarios elaborados
posteriormente», salientan desde a Real Academia Galega,
que recibiu onte o manuscrito. Este documento foi doado por María José e
Crisanto Sanmartín Martínez, fillos de Crisanto Sanmartín Beiroa (1914-2000),
quen traballou desde 1930 como encargado da imprenta do Seminario de Santiago.
Tamén foi «cronista da agrupación folclórica Cantigas e Agarimos, na que
participou como cantor, bailador, tocador de distintos instrumentos», dicía no
seu número 37 a revista Raigame.
Santamarina, membro do Seminario de Lexicografía da RAG e coordinador do Dicionario de dicionarios que
recolle en formato electrónico todos os dicionarios históricos galegos,
explicaba a sorpresa diante da doazón, uns 30 folios escritos polas dúas caras
«con esa letra primorosa de Valladares, que xa coñeciamos, deitada á dereita».
O académico pensaba antes de velo que o documento podía ser algún dos apéndices
que Valladares foi facendo, «cadernos nos que a partires de 1892-93 foi
engadindo novas palabras ao dicionario, aínda que non se sabe en man de quen
están, pero o que non se coñecía era este texto manuscrito que Valladares
enviou á imprenta, suponse que en 1884».
Detallaba Santamarina que nas imprentas o normal era, despois dun tempo,
tirar ao lixo os textos xa publicados. Crisanto Sanmartín viu o manuscrito de
Valladares e gardouno. Os seus fillos lembraban onte como nos anos da posguerra
dicíalles que este era «material moi perigoso que tiñan que ter agochado».
Comentaba o fillo: «Estamos seguros de que a ilusión do meu pai sería ver como
doamos o que el gardou no seu día ao sitio adecuado». Para María José, «esta
doazón é a forma de conservar esta documentación e de que chegue a toda a xente
que queira estudala». Na chegada deste material á Real Academia Galega
colaborou o investigador Javier Xurado, estudoso do labor musical de Sanmartín
Beiroa, que dicía: «Pensamos que o seu sitio idóneo, o seu lugar natural, é a
Academia». E o presidente da RAG, Víctor Freixanes, agradeceu a doazón que
permitirá afondar no coñecemento do traballo lexicográfico de Valladares.
Tolkien gardou un exemplar da obra na súa biblioteca
durante 50 anos
X. F.
J. R. R. Tolkien, o autor de O Hobbit e Ou
señor dous aneis, entrou en posesión dun exemplar do dicionario de
Valladares en 1923. Nunha das páxinas de garda da obra inscribiu as súas
iniciais e o apelido, coa súa característica caligrafía, a carón do ano. O
volume permaneceu na súa biblioteca persoal dende entón e ata a súa morte, en
1973, momento no que en virtude dunha doazón pasa aos fondos da Universidade de
Oxford.
A pertenza do dicionario de Valladares -durante
moito tempo pensábase que era o de Carré- hai que enmarcala no interese que
Tolkien tiña, como filólogo, por todos os aspectos relacionados coas linguas, e
que se traducía ás obras que adquiría e coleccionaba. «Meu pai posuía unha
biblioteca moi extensa, na súa gran maioría consistente de traballos dunha
natureza filolóxica, no seu sentido máis amplo, e moitos deles obras raras e
difíciles de conseguir», explicou no 2013 o fillo e testamentario do escritor,
Christopher Tolkien, a La Voz. «Alén dos seus intereses máis especializados e
profesionais nas linguas xermánicas, tiña un amplo interese nas formas da fala
humana e as historias lingüísticas, e a súa biblioteca contiña moitas obras
sobre moitos idiomas dunha natureza histórico-filolóxica ou gramatical»,
engade.
En 1923 Tolkien aínda vivía en
Leeds, pero visitaba con frecuencia Oxford, onde mercaba a maioría dos seus
libros. O
seu fillo está convencido de que todos os seus volumes foron adquiridos en
Inglaterra.
[Imaxe: DANIEL AMBROA - fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário