sexta-feira, 22 de setembro de 2017

Rosalía entre poetas, música e camisolas

A imparábel popularización da figura de Rosalía de Castro terá a última fin de semana de setembro un novo fito. O Festival Rosalía xuntará durante dous días en Santiago de Compostela músicos, poetas, artesáns, que amosarán ao público diferentes maneiras de se achegar á autora de Follas Novas.

Graffiti de Rosalía 
"Quixemos recoller a idea de Rosalía como o noso maior símbolo identitario, a nosa maior icona, ademais de ser a escritora máis musicada e a que máis influíu nas xeracións posteriores", expuxo na presentación da gala ante a imprensa a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín. O ente provincial organiza o certame coa colaboración do Concello de Compostela, a Fundación Rosalía de Castro e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Sanmartín salientou, ademais, que a poeta transcendeu, hai tempo, a literatura e a música. Abundan tazas, camisolas, sacas, cartaces, postais que empregan o seu rostro, xa que, engade, "transporta unha mensaxe comprometida, contundente e enérxica". Esta presenza ubicua de Rosalía de Castro será a que o festival do 29 e 30 de setembro celebre.

A sexta feira 29 será o intre da poesía e da música. As escritoras Marta Dacosta e Rosalía Fernández Rial e mais Anxo Angueira -tamén presidente da fundación da poeta e responsábel das últimas edicións dos seus clásicos en Edicións Xerais- e Cesáreo Sánchez Iglesias -que dirixe a AELG- porán os poemas, presentadas por Lorena Conde, a última gañadora do premio de poesía González Garcés.

O pianista Abe Rábade, que traballou sobre a obra de Rosalía no proxecto Rosalía XXI canda o propio Angueira, será un dos intérpretes que axudarán a entender o xa longo e sempre renovado vencello da autora coa música. Uxía Senlle, o brasileiro Sergio Tannus canda o acordeonista Santi CribeiroNastasia ZürcherNajla ShalmiXiana Lastra completan a nómina da sexta feira 29. Será no Teatro Principal de Compostela ás nove da noite. A entrada é de balde.

Ao día seguinte, sábado 30 de setembro, o Festival Rosalía adoptará formas novidosas. Na Praza de Cervantes reuniranse "empresas que fabrican camisolas, bixutería, cervexa, sacas, libros ou discos coa escritora como protagonista". A Banda Municipal de Santiago, o grupo folk Habelas Hainas e a compañía de monicreques Larraitz Urruzola acompañarán a xornada.

"Queremos reivindicar unha Rosalía viva e do noso tempo", concluíu Goretti Sanmartín, que compareceu acompañada da concelleira de Igualdade de Compostela Marta Lois, os presidentes da fundación Rosalía, Anxo Angeuira, e da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e máis a artista Xiana Lastra.


[Fonte: www.sermosgaliza.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário