Muller pioneira, escribiu novelas e, xunto co seu esposo, o compositor Marcial del Adalid, creou cancións galegas
Por H.J.P.
Con motivo do centenario do pasamento de Fanny Garrido (A Coruña, 1842-Madrid, 1917), que se cumpre o próximo luns 11 de setembro, a Consellería de Cultura impulsa a recuperación da súa figura e da súa achega ao patrimonio literario e musical de Galicia. Así, o luns, ás 19.00 horas, na sede da Real Academia Galega -da que a homenaxeada foi membro correspondente-, na coruñesa rúa Tabernas, organiza un encontro para difundir un labor escasamente coñecido, como destacada escritora e tradutora de finais do século XIX. Será a musicóloga Laura Touriñán Morandeira quen debullará algunhas das claves da súa traxectoria.
A guinda da xornada chegará da man do pianista Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo, dúo que interpretará os poemas galegos desta autora que foron musicados por Marcial del Adalid: Bágoas e soños, Frouseira, Rriste Frouseira, Canto de berce, A bordo, Mondariz, ¡Pesoulle!, A sorte e A noite de san Xoán. As pezas unen o talento dos dous creadores, que contraeron matrimonio no ano 1860. Froito desta unión naceu a súa filla María, quen foi a doadora de interesantes fondos bibliográficos da familia á RAG, os que, por certo, se exhibirán e comentarán ao inicio da charla-concerto.
Francisca Claudia Josefa Antonia González-Garrido y García, muller pioneira e moi avanzada ao seu tempo, asinou baixo o pseudónimo de Eulalia de Liáns populares novelas como Escaramuzas (Madrid, 1885), A nai de Paco Pardo (Madrid, 1898) e Batallas (inédita). Como tradutora, trouxo ao castelán importantes obras alemás entre elas, Viaxe a Italia(1891), de Goethe, á que incorporou ademais un limiar crítico.
Garrido publicou ensaios e artigos de prensa que amosan o seu interese pola educación, así como o seu compromiso cos máis desfavorecidos, con Galicia e mais coa súa cultura. Ese compromiso levouna a participar na fundación da Sociedade de Folk-Lore Galego, xunto coa presidenta e promotora, Emilia Pardo Bazán, nun acto celebrado en 1883 na actual sede da RAG.
Garrido naceu froito do matrimonio entre o primeiro médico do Hospital Militar da Coruña Francisco de Borja González Garrido del Amo, oriúndo de Villafranca del Bierzo, e Josefa García Cuenca, natural de México.
[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:
Enviar um comentário