quinta-feira, 7 de setembro de 2017

Primeira tradución do sánscrito ao galego

O célebre Pañcatantra, unha colección de fábulas escrita no século III a.C., é a primeira tradución directa do sánscrito ao galego. O profesor da Universidade de Santiago José Virgilio García Trabazo encargouse da versión que Rinoceronte Editora, dentro da súa colección Vétera, vén de publicar.



Por DANIEL SALGADO

Pañcatantra, orixinario do territorio que conforma a actual India, atópase nos alicerces da fabulística europea. Importantes autores do sur europeo, como o mallorquí Ramón Llul ou o castelán Arcipreste de Hita, recibiron a influencia da obra. Un irmán de Afonso X O SabioFadrique de Castela, encargou o Sendebar ou Libro do engano das mulleres (1253) inspirado polo Pañcatantra.

Relatos en prosa e verso, organizados nos Cinco libros de sabedoría práctica, conforman a edición de Edgerton (1924) na que se basea a versión galega e que no seu día, aseguran desde Rinoceronte, foi o primeiro autor en dar "unha reconstrución plausible do Pañcatantra". A obra, engaden, "unha senlleira mostra do uso das fábulas de animais para a transmisión da sabedoría mundana e política na India clásica". Parte destas historias pasaron ao folclore do lugar.

O sánscrito en que se escribiu orixinalmente o Pañcatantra e desde o que traballou García Trabazo é unha lingua clásica da India, onde é un dos 22 idiomas oficiais, malia que o seu uso actual é sobre todo litúrxico no hinduísmo ou no budismo.



[Fonte: www.sermosgaliza.gal]


Sem comentários:

Enviar um comentário