quarta-feira, 26 de julho de 2017

A alma, a lingua

O que aprende unha lingua, adquire unha nova alma”. Esta frase do poeta Juan Ramón Jiménez é unha das preferidas de Marie-Claude Mattéi Müller, antropóloga e lingüista afincada en Francia que este martes, 22 de outubro, será a encargada de inaugurar o ciclo de conferencias Descubrindo o Orinoco con…, co que a Cidade da Cultura busca profundar na historia, contexto sociolóxico, modos de vida e patrimonio natural das tribos da Amazonia Venezolana que protagonizan a exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido.
 
Baixo o suxerente título A alma das mans, Marie-Claude Mattéi Müller condensará durante a súa intervención o traballo de toda unha vida dedicada a fomentar o recoñecemento, o respecto e a valoración da lingua e a cultura das comunidades indíxenas en Latinoamérica.
 
Namorada dos pobos indíxenas a raíz dunha viaxe a Latinoamérica na década dos 70, Marie-Claude decidiu coñecer, dar voz e promover o entendemento cunhas minorías étnicas desprezadas, discriminadas e consideradas como poboacións de segundo grao. Primeiro desde un punto académico e logo desde una perspectiva máis persoal, a antropóloga consagrou a súa vida a divulgar a diversidade dos saberes indíxenas, os seus mitos, os seus ritos, a súa organización socio-económica e a súa produción artesanal.
 
A convivencia con varias comunidades levou a Marie-Claude a interesarse polas linguas indíxenas, que aprendeu e tentou dar a coñecer. Autora do Diccionario Ilustrado Bilingüe Panare-Español e Yanomami-Español, a vertente educativa e didáctica do seu traballo levouna mesmo a asesorar ao Congreso venezolano na redacción de leis a favor dos pobos indíxenas.
 
A artesanía indíxena e a súa compoñente sociolóxica e mitolóxica tamén foi abordada por esta antropóloga, autora do ensaio A alma das mans centrado na cestaría do Orinoco e no que aborda ese espírito de crear, facer e perpetuar a arte dos pobos indíxenas. Dúas vertentes dunha mesma cultura e patrimonio que serán abordadas este martes 22 de outubro, a partir das 18:00 horas no Museo Centro Gaiás. Para participar tan só é necesario reservar praza.
 
Unha oportunidade única para compartir con Marie-Claude Mattéi Müller parte desta “alma” adquirida durante a súa vivencia coas poboacións indíxenas.
 
 
 
 
[Fonte: www.cidadedacultura.gal]

Nenhum comentário:

Postar um comentário