![]() |
Xabier Vila-Coia co premio Nobel de literatura Wole Soyinka
Escrito por Xabier Vila-Coia
No presente
artigo abordarei estas tres ocupacións, sen dúbida dispares, que, non obstante,
comparten un vínculo que tratarei de identificar e analizar tomando como
referencia as ferramentas de xeración automatizada de contidos que se veñen
implementando con enorme éxito dende hai apenas uns anos.
O escritor, de
ficción ou de non ficción, ten que compoñer as súas obras supeditado a enormes
obstáculos, entre os que cabe destacar os seguintes: a limitada accesibilidade
ás bibliotecas físicas e dixitais; a dificultade para desenvolverse con certeza
nunha pluralidade de idiomas; a fugacidade da vida, que fai imposible a
consulta, sequera breve, de miles de libros enriquecedores do acervo cultural individual;
a tiranía do calendario de entrega; e a xeral pobreza de recursos. Pero en todo
caso, o seu proceso creativo parte dunha idea central e outras derivadas que
xorden na súa cabeza, as cales desenvolve e plasma no papel complementándoas
cos datos obtidos en pescudas inevitablemente reducidas, ademais de coas súas
vivencias e coñecementos previos.
Pola contra, o
arquitecto desempeña un labor máis cómodo. A súa función primordial é idear o
deseño integral da obra que lle encarguen e materializalo nos planos correspondentes. Da construción
do edificio son responsables os enxeñeiros que efectúan os cálculos
matemáticos, os obreiros que levantan as estruturas e fan as instalacións
(albaneis, carpinteiros, electricistas, fontaneiros, etcétera), e os aparelladores
que supervisan o seu traballo.
En canto ao
director de cine, pódese asegurar que llo dan todo «sachado e mondado». A
película adoita articularse sobre un guión alleo; ten ao seu servizo e baixo as
súas ordes ao director de actores, ao de fotografía, ao xefe de son, ao
compositor da banda sonora, aos operadores de cámara... El unicamente ocúpase
en primeira persoa de decidir se o traballo deses profesionais satisfaille, e
se as tomas se axustan ao que concibiu ou deben ser repetidas as veces que, segundo
o seu criterio, sexa necesario.
Relacionado co
que veño de expor, na actualidade obsérvase unha gran preocupación respecto dos
libros e outros textos que os seus autores crean consultando á intelixencia
artificial para optimizar a inxente cantidade de información coa que foi
adestrada, así como a súa extraordinaria capacidade para procesala de xeito
case instantáneo. Non sabería dicir se a devandita preocupación é racional ou
irracional; con todo, o que podo afirmar é que o único que procede examinar é
se, no exercicio da súa actividade, o escritor réxese de acordo cos valores
éticos da súa profesión.
Non hai novo
baixo o sol, mais tampouco nada nace a partir da nada. Plaxiarios e
«fusiladores» de escritos houbo e haberanos sempre. Coa intelixencia artificial
pódense multiplicar «ad infinitum»; porén, iso non representa un problema tan
grave como puidese parecer a primeira vista.
Dende o punto
de vista dos dereitos de autor, eu non percibo ningún inconveniente en que se
lle recoñezan ao individuo que o único que faga sexa presentarlle «prompts»
(preguntas, peticións, indicacións ou instrucións) á IA e copie textualmente e
sen o máis mínimo reparo o que esta lle regurxite.
Pero aparte da
autoría está o recoñecemento público. Nesta cuestión é factible un engano
importante, difícil de detectar; polo que poderíase conceder o Premio Nobel a
un «autor» que non escribise en por si máis que uns cantos parágrafos. Aínda
que, na miña opinión, se un individuo desta ralea logra semellante galardón é
porque dalgún xeito fíxose acredor a el: se a IA propicia a fraude, será mester
capacitala para advertilo.
A pesar do
devandito, o emprego das IA para producir escritos literarios ou ensaísticos é
plenamente lexítimo, sempre e cando o que aquelas proporcionen a partir das
formulacións que se lles propoñan sexa tan só unha das materias primas do
traballo final, non o propio traballo final.
O escritor
ético debe conducirse como o fan o arquitecto e o director de cine. Isto é; ten
que xerar con anterioridade os esquemas e desenvolvementos mentais e materiais
da obra que desexa crear, que constituirán a base a partir da cal redactar, tal
se fose un enxeñeiro de «prompts», os específicos para ese texto en
concreto.
A continuación
presentará á IA aqueles que estime máis adecuados para os seus fins, cuxas
achegas haberá de organizar, seleccionar, verificar, corrixir, depurar,
complementar e integrar na estrutura tridimensional do texto (idea-núcleo,
estilo e extensión) xunto coas restantes materias primas procedentes doutras
fontes (xornais, libros, enciclopedias, filmes...), ás que engadirá a súa arte,
derivado da súa sensibilidade, coñecementos, experiencia vital e competencia
profesional. É evidente que sen unha adecuada e vasta formación, alén dun pleno
dominio do oficio, resulta imposible para un ser humano levar a cabo o que veño
de sinalar e dar a luz unha obra orixinal de gran calidade literaria ou de
rigorosa base ensaística.
Se ao
arquitecto e ao director cinematográfico recoñéceselles a autoría en
exclusividade dos seus traballos, non existe ningún motivo para non facer o
propio cos escritores que utilizan, baixo estritos principios deontolóxicos, as
máis novas e poderosas ferramentas tecnolóxicas de modo que os seus lectores se
entreteñan, desfruten ou aprendan grazas á súa creatividade expandida mediante
a intelixencia artificial.
Eles serán os
principais beneficiados.
[Fonte: www.praza.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário