A Avogacía Xeral do Brasil pide investigar o suposto financiamento capital estranxeiro na campaña electoral.
O presidente do Brasil e candidato do PT, Luiz Inácio Lula da Silva e o candidato do PL, Flávio Bolsonaro
Escrito por Ricardo Suárez
As autoridades do Brasil instaron a Policía Federal e a Fiscalía Xeral a investigar o suposto financiamento por parte dos Estados Unidos destinado a interferir nas eleccións brasileiras e deslexitimar o Supremo Tribunal Federal.
Así o fixeron no marco da primeira volta das
eleccións presidenciais deste domingo, nas que o actual mandatario, Luiz Inácio Lula da Silva, do Partido dos
Trabalhadores, e o ultradereitista Flávio Bolsonaro, do Partido Liberal, parten moi
igualados.
A Avogacía Xeral de Unión, órgano que representa
legalmente o Executivo brasileiro, anunciou a solicitude de investigación ante
a información "especialmente grave" publicada polo diario británico The
Guardian, segundo a cal o Goberno dos EUA pretende desviar
fondos de Dereitos Humanos do Departamento de Estado a iniciativas en diversos
países, entre as cales se atoparía unha campaña contra o
Supremo Tribunal Federal do Brasil.
"De comprobarse, a recepción de capital estranxeiro
para promover ataques organizados e sistemáticos
contra a soberanía nacional e o funcionamento das institucións do Sistema de
Xustiza brasileiro, mediante a instrumentalización de fondos
internacionais desviados do seu propósito orixinal de protexer os dereitos
humanos, podería revelar unha estrutura de inxerencia externa nos asuntos
internos do Estado brasileiro", manifestou a Avogacía Xeral de Unión a
través dun comunicado.
"A propia orde constitucional brasileira
baséase nos principios de soberanía, independencia e non intervención. Tales
premisas tradúcense, por exemplo, na prohibición do financiamento ou
subordinación de agrupacións políticas por parte de entidades ou Gobernos
estranxeiros", acrecentou.
A este respecto, o avogado xeral do Estado
brasileiro, Jorge Messias, afirmou que
"non se pode admitir que intereses estranxeiros pretendan
interferir". Pouco despois, as autoridades dos Estados Unidos anunciaron a
suspensión dos servizos consulares na súa embaixada e nos seus consulados no
Brasil alegando "motivos de seguridade" que non foron especificados.
[Fotos: Leandro Chemalle - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário