Dirixentes de América Latina, Europa, Asia e África felicitan o presidente brasileiro pola súa reelección.
![]() |
O presidente do Brasil, Lula da Silva, e o vicepresidente, Geraldo Alckmin, celebran a súa reelección durante un acto en São Paulo após coñecerse os resultados.
Escrito por Rafa
Ruiz-Matas
A vitoria de Luiz Inácio
Lula da Silva na segunda volta das eleccións presidenciais do Brasil provocou
numerosas reaccións internacionais. Unha das primeiras felicitacións chegou da
presidenta progresista mexicana, Claudia Sheinbaum, que celebrou o resultado
electoral cunha mensaxe en X: "Viva a democracia, gañou o pobo do Brasil.
Parabéns, presidente Lula!". Sheimbaum é unha das poucas aliadas
ideolóxicas de Lula na rexión, nun contexto marcado pola presenza de gobernos
conservadores e de extrema dereita en América Latina e de dirixentes próximos
ao bolsonarismo, como o presidente arxentino, Javier Milei, e o mandatario
estadounidense, Donald Trump.
Tamén o presidente uruguaio, o progresista Yamandú Orsi,
trasladou os seus parabéns a Lula, con quen mantivo unha conversa telefónica
após coñecerse os resultados. "Acabo de falar co presidente electo do
Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, un amigo. Feliciteino polo triunfo e pola
festa democrática que representa un proceso electoral", manifestou.
Pola súa parte, o presidente de Guatemala,
Bernardo Arévalo, felicitou Lula pola súa "gran vitoria nas urnas" e
o pobo brasileiro por unha xornada electoral que, segundo destacou,
"consolida as súas institucións democráticas". Arévalo reivindicou a necesidade
de gobernar "polo ben común" e de construír sociedades "máis
xustas", ao tempo que expresou a súa vontade de reforzar as relacións
bilaterais durante o novo mandato.
Desde o Perú, a
dirixente conservadora Keiko Fujimori tamén felicitou Lula pola súa reelección
e destacou a importancia de fortalecer a alianza estratéxica entre ambos os
países. Fujimori avogou por impulsar a integración, a cooperación e o
desenvolvemento sustentábel da Amazonía compartida, coincidindo coa proximidade
do bicentenario das relacións diplomáticas entre o Perú e o Brasil.
A India
e Suráfrica reivindican o papel do Sur Global
Fóra de América
Latina, o primeiro ministro da India, Narendra Modi, trasladou os seus
"máis sinceros parabéns" ao seu "querido amigo" Lula pola
súa reelección. Modi expresou a súa intención de continuar traballando co
mandatario brasileiro para "afondar e ampliar a asociación
estratéxica" entre ambos os países, así como para reforzar a cooperación
en distintos sectores.
O
primeiro ministro indio destacou tamén a importancia de avanzar nas prioridades
compartidas polo Sur Global e de traballar conxuntamente por "un mundo
máis inclusivo, equitativo e sustentábel".
Na mesma liña, o presidente de Suráfrica, Cyril Ramaphosa,
asegurou que o triunfo de Lula transcende as fronteiras brasileiras. "Esta
vitoria terá repercusións máis alá do Brasil. É unha vitoria para o Sur Global
e para as forzas progresistas de todo o mundo", afirmou.
Ramaphosa
reafirmou o compromiso de Suráfrica de fortalecer as relacións bilaterais co
Brasil e de continuar colaborando nos organismos multilaterais para construír
"unha orde mundial máis xusta", baseada na solidariedade e no
respecto ao dereito internacional.
Felicitacións
desde Europa
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, felicitou
Lula pola súa reelección e destacou que "a democracia e o multilateralismo
gañaron no Brasil". Nunha mensaxe publicada nas redes sociais, asegurou
que a Unión Europea continuará colaborando co Goberno brasileiro nos próximos
anos. "Seguiremos traballando estreitamente polo comercio libre e aberto,
unha orde mundial baseada en regras e unha forte ambición climática",
sinalou.
Pola
súa parte, o presidente francés, Emmanuel Macron, trasladou os seus "máis
sinceros parabéns" a Lula e destacou que "Francia e o Brasil teñen
moito que construír xuntos". "Ante os grandes desafíos do noso tempo,
fortalezcamos a nosa asociación estratéxica e manteñamos viva a amizade entre
os nosos dous países ao servizo dun mundo máis xusto", manifestou.
No Estado español, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez,
aproveitou a vitoria de Lula para estabelecer un paralelismo coas eleccións
xerais do próximo 29 de novembro. "Gran
vitoria de Lula! O que pasou no Brasil pasará en España. A
remontada do progresismo global acaba de comezar", afirmou nas redes
sociais.
Sánchez
vinculou así a remontada electoral do mandatario brasileiro cunha hipotética
vitoria do PSOE nos comicios estatais, nos que os
socialistas tamén parten por detrás do Partido Popular (PP) na práctica
totalidade das enquisas publicadas, coa excepción do Centro de Investigacións
Sociolóxicas (CIS). O presidente español procura trasladar ao escenario estatal
o precedente de Lula, que conseguiu impoñerse na segunda volta das
presidenciais brasileiras malia perder a primeira e partir en desvantaxe na
maioría das sondaxes. Deste modo, Sánchez presenta o resultado do Brasil como
exemplo da posibilidade de reverter as previsións electorais de cara ao 29-N.
O BNG celebra o triunfo de Lula fronte á
ultradereita
Na Galiza, o BNG tamén celebrou a reelección de Lula.
"Bora, Lula! Todo o apoio e parabéns a Lula e ao pobo brasileiro. Hoxe
gañou a democracia, a xustiza social e a dignidade do pobo fronte á
ultradereita", manifestou a formación nacionalista nas redes sociais,
desde onde trasladou "un abrazo fraterno ao Brasil".
Pola súa parte, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, destacou que
"o mundo é un pouco máis xusto co triunfo histórico de Lula" e
asegurou que "o pobo brasileiro soberanamente decidiu virar a
historia". "A democracia venceu o fascismo", afirmou Miranda,
quen felicitou o mandatario brasileiro, o Partido dos Traballadores e os seus
aliados, aos que cualificou de "exemplo de esperanza mundial".
Na mesma liña, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego,
celebrou o resultado cunha mensaxe nas redes sociais: "Viva o Brasil
democrático, antifascista e soberano!".
[Foto: Leco
Viana / Zuma Press / Europa Press - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário