Espalladas polos camiños, na beira das estradas ou fronte ao mar, as cruces de mala morte sinalan crimes, accidentes e desgrazas transformando os lugares da morte en espazos de memoria.
Memorial nas Neves (O Condado) e cruz do Bolichero (Moeche, Ferrolterra).
Escrito por Emma Pedreira
Hai mortes que non rematan na paz dos cemiterios e deixan como pegada no lugar onde aconteceron unha cruz de pedra, unha inscrición na rocha, unhas flores no quitamedos; son sinais que interrompen a paisaxe para lembrar a quen pasa por alí que no mesmo sitio alguén perdeu a vida. Moitas destas manifestacións reciben o nome de cruces de mala morte, monumentos que conservan a memoria de mortes violentas, repentinas ou, en palabras de Gondar Portasany, de "mala morte" (a "morte matada", para o saber popular).
Estes memoriais non constitúen unha categoría monumental uniforme nin están moi estudadas. Algunhas conservan nomes e datas e outras só unha historia transmitida oralmente. O que as une é a vontade de perpetuar a lembranza da traxedia xusto no lugar onde aconteceu e crear un espazo simbólico e protector, punto no que corpo e alma (se é que isto existe) se separaron nun rito de paso inesperado e repentino.
Moitas destas cruces poden considerarse cenotafios (do grego kenós, baleiro, e táphos, tumba) ao ser monumentos funerarios dedicados a persoas falecidas pero que non conteñen os restos mortais. Literalmente, son tumbas baleiras.
[Imaxes da
autora - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário