quarta-feira, 2 de setembro de 2026

«Xardín de inverno», libro de Ledicia Costas

 

Escrito por Ramón Nicolás

Lembro a lectura deste libro a comezos da década anterior con nitidez. Algún tempo atrás unha novísima autora viña de estrearse cunha novela moi digna e máis que prometedora titulada Unha estrela no vento (2000). Pasaría algo máis de unha década para que publicase O corazón de Xúpiter: peza narrativa que a catapultou dun xeito definitivo no ámbito da literatura xuvenil naquela altura. No mesmo ano que este título anterior, tamén viu a luz o libro de poesía que agora nos ocupa. A súa publicación, ás persoas que seguiamos o seu quefacer literario, non nos estrañou pois aqueles eran tempos nos que a autora levaba a cabo unha actividade incansable no seo do grupo “Poetas da hostia”: colectivo que exhibía, entre outras tarefas, uns innovadores recitais poéticos deseñados coma se fosen combates poéticos e onde os golpes que intercambiaban os e as púxiles-poetas eran, naturalmente, os versos. De algo disto escribe atinadamente a prologuista desta edición: a poeta e música Lucía Aldao.

libro goza, inescusablemente, dunha actualidade e duns méritos que o paso do tempo non fai esvaecer. Costas, abéirase, así, a un ton confesional que abraza un impulso de honestidade e madureza para deseñar algo así coma un dietario, se cadra ás veces máis unha crónica duns feitos e unhas emocións. Coma se fose un demiúrgo é quen de revivir de maneira transparente vivencias, diálogos, atmosferas e palabras para reconstruír un universo persoal singular e para revelar tamén a orografía dun territorio reservado para a intimidade e que, entende, cómpre compartir.

Velaí coma ese territorio vén ser un xardín habitado por experiencias onde agroman as presenzas familiares, as perdas, as fendas e o baleiro que as ausencias provocan nunha voz lírica que sobe a un escenario para reflexionar sobre a morte e a soidade, tamén sobre o amor, sobre o que foi ou puido ser. Non esquece, malia todo, proxectar un nimbo de luz que é símbolo dunha esperanza: aquela esperanza que escintila en circunstancias adversas nas que cómpre erguerse a través do verso que serve para percorrer os signos emitidos polo tempo: “viaxar no tempo é esquecer / e escribir poesía / para non morrer de frío”.  

Ledicia Costas

Xardín de inverno

Xerais, Vigo, 72 páxinas, 12,95 €, 2025

 

[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário