quarta-feira, 9 de setembro de 2026

O galego deixa de impartirse en Londres após 35 anos: a CIG-Ensino acusa a Consellaría e o Ministerio de "eludir" as súas responsabilidades

O Instituto Español Vicente Cañada Blanch inicia o curso 2026-2027 sen clases de Lingua e Literatura Galegas malia o compromiso da Consellaría de Educación a garantir unha solución transitoria que asegurase a continuidade do proxecto en vindeiros cursos.

Fachada exterior do Instituto Español Vicente Cañada Blanch en Portobello Road, Londres, Reino Unido. 

A CIG-Ensino responsabiliza a Xunta da Galiza e o Goberno do Estado de que por primeira vez en máis de tres décadas o Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres comece o curso sen ofrecer ao seu alumnado a materia de Lingua e Literatura Galegas como optativa. 

Desde os anos 90 o galego facía parte da oferta académica do Cañada Blanch, un centro depende do Ministerio de Educación, quen mantiña un convenio de colaboración coa Xunta da Galiza, lembra o sindicato, que acusa ambas as dúas administracións de non cumprir coas súas responsabilidades.

Segundo informa nun comunicado dirixido aos medios, o subsecretario de Educación, Santiago Roura, confirmou á central nacionalista que o Ministerio decidiu "por problemas con intervención" non renovar este convenio. O Goberno galego comprometeuse entón a asumir só durante o curso 2026-2027 o salario dunha persoa docente e o complemento de estranxeiría que até entón sufragaba o Ministerio se finalmente, despois, este garantía de novo a continuidade do programa nos vindeiros cursos. 

Neste sentido, a Xunta anunciou o paso mes de agosto que acadara este compromiso co Ministerio e que se manterían as clases de maneira transitoria durante o presente curso ao tempo que se adiaba para o vindeiro a convocatoria dunha praza docente para ser cuberta de forma definitiva. "Todo isto nun contexto no que 40% do alumnado matriculado na ESO, arredor de 40 estudantes tiñan formalizada a matrícula nesta materia", precisa a CIG-Ensino.

Porén, censura agora, "aínda que a Consellaría de Educación convocara en xuño de 2025 a praza para o curso 2025-2026, cun nomeamento que podía renovarse anualmente até un máximo de cinco anos, a realidade é que non se fixo efectiva a súa continuidade máis alá do primeiro ano" e, dado que no actual tampouco se vai ofertar, a CIG-Ensino aventura que "desaparecerán as clases de galego pola falta de compromiso de ambos gobernos".

"Desleixo" da Xunta

O sindicato aféalle especialmente á Xunta que noutros conflitos que mantén co Goberno do Estado, como o das persoas auxiliares de conversa estranxeiras, si busque unha solución e anuncie un programa galego propio. "Semella que a nosa lingua non merece o mesmo trato, tendo en conta que se trata dunha única praza docente".

A CIG-Ensino lamenta que "se perda un dos principais espazos de ensino e de divulgación da nosa lingua entre a comunidade galega do Reino Unido", que lle viña outorgando un "indiscutíbel prestixio". "É innegábel a perda de competencia e uso do noso idioma entre a poboación escolar e este é, polo tanto, outro dos efectos colaterais da falta de vontade política da Administración galega en prol do galego".

A central nacionalista sinala o desinterese por parte do Ministerio, do que di agardar "pouco", e castiga indiferenza da Xunta, da que "polo que se ve, non podemos agardar máis". "Isto demostra que a súa política lingüística é mera propaganda e cando se trata de feitos o galego é segundo prato", afirma.

Con todo, a CIG-Ensino esixe que se resolva a situación nomeando transitoriamente unha persoa docente sufragada, ben sexa pola Administración española ou pola galega, e convocando a praza para futuros cursos coa maior axilidade posíbel.

 

 [Foto: Jason Enright - fonte: www.nosdiario.gal ]

Sem comentários:

Enviar um comentário