Escrito por Ramón Nicolás
Que alguén, como é o caso, consiga estruturar unha proposta narrativa con
acerto, que teña cousas que contar e o faga con contención, que adopte ademais
unha perspectiva que faga cooperar, e pensar, á persoa que le é, paréceme, unha
excelente noticia que fai mirar, ademais, con esperanza o futuro desta nosa
República das Letras ao pensarmos neses recambios necesarios e nesas voces
novas que se van asomando. Non teño dúbida ningunha, Valeria G. Caneda (Xinzo
da Limia, 2004), que tamén gañou o I Certame Literario Antón Tovar organizado
polo Padroado do Museo da Limia co poema «Tanto camiñei, camiñei tanto»,
pertence a ese grupo. Probou sorte, así pois, cun galardón como é o Xuventude
Crea de Novela Curta, que convoca anualmente con éxito a moitas persoas novas
no ámbito da creación, neste caso literaria, e conseguiu que a súa proposta, Goma de borrar, acadase o segundo
premio e a súa publicación en Edicións Xerais.
G. Caneda, polo tanto, estréase no ámbito
da narrativa e faino con algo que é difícil de explicar. Planea nestas páxinas
unha sorte de pulso propio, estilizado e alleo ou distante á mantenta daquilo
que non é verdadeiramente esencial. Velaí como aborda con orixinalidade,
abeirada ao espírito fragmentario e, ao tempo, aplicando unha tonalidade
poética, unha problemática que revela o asunto ou núcleo principal desta
entrega, isto é e de xeito esquemático, a violencia sexual inserida nunha etapa
moi concreta como é a adolescencia; etapa á que, por extensión, se lle aplica
outra perspectiva afastada de certos estereotipos.
Non hai afán didáctico nesta proposta.
Antes ben, apréciase unha exposición aséptica de como unha rapaza dá en
desvincularse xa non só do universo afectivo máis próximo senón tamén do que é
a súa propia identidade, que dalgún xeito se substitúe, para afondar, talvez
sen decatarse, nunha relación tóxica e ofegante que a vai converter
noutra persoa, nun remuíño que tamén modificará a súa maneira de ver e entender
o mundo.
Aínda así tamén hai outro foco relevante, o da amizade e a sororidade: elementos operativos para iluminar territorios nos que pode brillar, aínda, a esperanza.
Valeria
G. Caneda
Goma de borrar
Xerais, Vigo, 112 páxinas, 15,95 €, 2026
[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:
Enviar um comentário