A doutrina Monroe, formulada en 1823 para advertir ás potencias europeas contra novas intervencións no continente americano, adquiriu con Donald Trump unha versión propia. A nova doutrina Donroe, acrónimo propagandístico que combina o seu nome co do presidente James Monroe, xa non disimula o obxectivo.
Acto político de Lula da Silva celebrado en Rio o pasado 22 de agosto.
Escrito por David Alvarado
O Departamento de Estado ven
de proclamar que o dominio estadounidense no hemisferio occidental «nunca
volverá ser cuestionado». En ano e medio, Washington combinou presión comercial
sobre os seus veciños, intervención política directa en Latinoamérica, redución
da presenza chinesa en posicións estratéxicas como a canle de Panamá e novas
alianzas de seguridade. Non son movementos idénticos nin responden sempre ás
mesmas circunstancias. Xuntos revelan, porén, unha prioridade definida:
recuperar a primacía continental erosionada durante as últimas décadas.
Venezuela mostrou a dimensión
máis coercitiva desta política. A campaña
proclamada contra as narcolanchas converteu o tráfico de drogas nunha ameaza de
seguridade que facilitou a escalada militar anterior á caída de Nicolás Maduro.
Pero o sucedido despois permite entender mellor a función dese discurso. A Casa
Branca acaba de declarar organizacións terroristas o Primeiro Comando da
Capital e o Comando Vermello, as dúas grandes organizacións criminais
brasileiras, alimentando o temor a posibles actuacións estadounidenses dentro
deste país. O narcotráfico non desapareceu da axenda. Mudou de escala ao
asociarse co terrorismo e ampliar así os instrumentos dispoñibles para combatelo.
A cuestión excede, polo tanto, as drogas. Quen define unha ameaza hemisférica
tamén gaña capacidade para determinar onde, como e baixo que condicións pode
actuar contra ela.
A forza bruta é só unha das ferramentas
dispoñibles. O Escudo das Américas, presentado nun cumio en Miami o pasado
marzo, artella unha rede de gobernos que cooperan con Washington en materia de
defensa e seguridade. A súa
derivación operativa, a Coalición contra os Carteis das Américas, acompaña a
transformación das anteriores operacións contra embarcacións nun Grupo de
Traballo Conxunto do Hemisferio Occidental vencellado ao Comando Sur. A novidade
non reside sinxelamente en que Estados Unidos consiga aliados. Consiste en
institucionalizar unha rede na que os propios países latinoamericanos
participan na execución das prioridades establecidas desde a administración
estadounidense. A presenza de executivos de corte progresista dentro desta
instancia chama a atención. O proxecto non depende só da actual onda
conservadora e aspira a consolidar mecanismos capaces de sobrevivir a cambios
electorais.
A dimensión política completa
o repertorio de instrumentos. Trump condicionou a axuda a Honduras ao
triunfo de Nasry Asfura, apoiou a Javier Milei cun rescate de 20.000 millóns de
dólares antes das lexislativas arxentinas e fixo campaña por Abelardo de la
Espriella en Colombia, ulteriormente incorporada ao Escudo. Sería
excesivo atribuír a Washington unhas vitorias que tamén se explican polo
desgaste dos gobernos no poder, inseguridade, baixo e desigual crecemento, así
como vicisitudes propias de cada país. A cuestión é que unha potencia exterior
non necesita manipular as urnas para influír nun proceso democrático. Pode
modificar o contexto no que os cidadáns deciden mediante recursos financeiros,
aranceis, sancións ou preferencias públicas por determinados candidatos. A
actual dereita latinoamericana proporciona, ademais, executivos
ideoloxicamente próximos e interesados nesa relación privilexiada.
Brasil sitúa agora esa estratexia diante dunha proba
doutra magnitude. É a maior potencia continental, membro dos BRICS,
socio fundamental de China e, xunto con México, un dos poucos Estados con
capacidade económica e política para limitar as presións de Washington no
continente. As eleccións de outubro están, con todo, abertas. O
último Datafolha sitúa a Lula no 39 % e a Flávio Bolsonaro no 33 % na primeira
volta, cun 47 % fronte ao 43 % nun eventual segundo turno. Flávio Bolsonaro,
fillo de Jair, celebrou a decisión estadounidense de considerar terroristas as
principais organizacións criminais do país e preséntase como o candidato capaz
de entenderse con Trump. A súa vitoria non engadiría un goberno conservador
máis ao mapa. Incorporaría a potencia de referencia no sur do continente ao
bloque político máis próximo á Casa Branca.
A disputa xa transcende as
afinidades ideolóxicas. Washington impuxo aranceis de ata o 50 % a
produtos brasileiros, mentres congresistas demócratas denuncian presións
sobre o proceso electoral e intentos de cuestionar a fiabilidade do sistema de
votación. Lula respondeu reivindicando a soberanía brasileira, pero tamén
negociando. Este venres pasado falou durante case noventa minutos con Trump
para intentar rebaixar unha crise bilateral que levou a relación a un dos seus
peores momentos recentes. Esa combinación de resistencia e diálogo da conta da
autonomía que Brasil intenta preservar. Venezuela demostrou a potencia militar
estadounidense para empregar a forza e o Escudo das Américas busca converter
esta preponderancia de recursos en estruturas duradeiras. As urnas
brasileiras medirán algo diferente: ata onde pode chegar esa nova doutrina
Monroe cando enfronte unha sociedade que conserva marxe real de decisión sobre
o seu aliñamento.
[Imaxe: CC-BY-SA Lula da
Silva - fonte: www.praza.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário