segunda-feira, 3 de agosto de 2026

Unha asociación marroquí de dereitos humanos culpa Rabat da crise migratoria de Ceuta

A Presidencia irlandesa do Consello convocou unha reunión extraordinaria por videoconferencia despois das peticións do Goberno español e doutros 22 Estados membros, que manteñen posicións enfrontadas sobre as causas da crise e a resposta que debe adoptar a Unión Europea.

Chegada de migrantes a Ceuta, este 31 de agosto. 

Asociación Marroquí de Dereitos Humanos (AMDH) atribuíu a crise migratoria de Ceuta ás "políticas de empobrecemento e marxinación" aplicadas durante décadas polo Goberno de Marrocos sobre a poboación do norte do país. A entidade considera que a entrada dunhas 60.000 persoas a través do espigón do Tarajal é a consecuencia dunha profunda crise social e económica. 

A organización responsabiliza "politicamente" o Estado marroquí e atribúelle de maneira "directa e plena" as condicións que desembocaron nun desprazamento masivo que compara cos que se producen en zonas de guerra. A AMDH reclama a apertura dunha investigación "seria e independente" para esclarecer as circunstancias e as causas das saídas cara a Ceuta. 

A crise deixa polo de agora 67 persoas falecidas confirmadas polo Goberno español, principalmente por afogamento. A asociación eleva a cifra a 130 mortes e fala tamén de decenas de persoas desaparecidas, aínda que recoñece que este balance non foi confirmado oficialmente polas autoridades marroquís.

"Desesperación xeneralizada"

Para a AMDH, o sucedido é a expresión dunha "profunda crise estrutural" e o resultado de décadas de abandono social e económico no norte de Marrocos. A entidade considera que o feito de que milleiros de persoas arrisquen a vida para abandonar o país evidencia unha "desesperación xeneralizada" e unha perda de confianza nas institucións, nas políticas públicas e no futuro.

A organización denuncia que a pobreza, a desigualdade e a falta de perspectivas obrigan a poboación a procurar fóra do país mellores condicións de vida para ela e para as súas familias. Tamén acusa Rabat de utilizar a situación humanitaria e as necesidades da poboación, incluídas as crianzas e as persoas menores de idade, como instrumento de presión e negociación co Estado español e coa Unión Europea.

A asociación critica ademais o "silencio sospeitoso" das autoridades e institucións marroquís antes, durante e despois da crise. Ao seu xuízo, a ausencia de información e explicacións oficiais contribuíu a estender unha mobilización por distintas cidades e rexións do país para viaxar cara ao norte coa intención de cruzar a fronteira.

Por último, a AMDH condenou o aumento dos discursos da extrema dereita en Europa e nos Estados Unidos contra as persoas migrantes. A organización considera que esta retórica fomenta o odio e presenta a migración como unha ameaza para as sociedades occidentais.

Xuntanza de ministros do Interior

Os ministros do Interior da Unión Europea reuniranse a vindeira terza feira por videoconferencia para abordar a evolución da crise migratoria en Ceuta e coordinar a resposta comunitaria, segundo confirmou este sábado a Presidencia irlandesa do Consello da UE. "Como Presidencia do Consello, Irlanda convocará o martes unha reunión do Consello de Xustiza e Asuntos de Interior para debater a evolución da situación en Ceuta", anunciou o primeiro ministro irlandés, Micheál Martin. O encontro estará presidido polo ministro de Xustiza, Interior e Migración de Irlanda, Jim O'Callaghan.

A convocatoria chega despois de que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, solicitase ás institucións europeas unha reunión extraordinaria para articular unha "resposta común". Paralelamente, os líderes doutros 22 Estados membros reclamaron tamén unha cita urxente nunha carta dirixida á Presidencia irlandesa, ao presidente do Consello Europeo, António Costa, e á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen.

División entre os Gobernos europeos

Na súa misiva, Sánchez expresa a súa "seria preocupación" pola reacción dalgúns Gobernos europeos ante a emerxencia migratoria. Italia, Suecia e Dinamarca chegaron a reclamar a suspensión temporal do Estado español do espazo Schengen ou o restabelecemento de controis fronteirizos.

O presidente do Executivo español cualificou esta resposta de "asimétrica" e sostivo que se basea en "prexuízos, noticias falsas, ignorancia ou intereses políticos". Tamén considera que as medidas propostas contrarían o Dereito europeo e os principios de solidariedade comunitaria.

Os outros 22 mandatarios responsabilizan, pola contra, as políticas migratorias do Goberno español de favoreceren a crise. Na súa carta sinalan a recente sentenza do Tribunal Supremo sobre as devolucións en quente e a regularización extraordinaria dun "número moi elevado" de persoas migrantes como posíbeis factores de atracción.

 

[Foto: Marcos Moreno / Europa Press - fonte: www.nosdiario.gal]

 

Sem comentários:

Enviar um comentário