Iria
Collazo acumula paisaxes narrativas con fondura psicolóxica en «A muller de
mentira» e recoñece que moitas persoas que leran a novela manifestaban que
desexaban darlle unha aperta polo que escribira. Non é de estrañar
Escrito por Ramón Nicolás
Tras Os mortos
que amei (2024), proposta que ao meu ver adquiría un pulo diferente
respecto das creacións literarias anteriores, Iria Collazo López ofrécenos
arestora A muller de
mentira: unha novela que naceu ao abeiro da I Bolsa Intercambio Xacobeo
con Tbilisi en colaboración coa Residencia Literaria 1863 e que, ademais,
resultou galardoada co Premio García Barros este mesmo ano.
Axéitanse estas
páxinas a un modelo que aposta por unha primeira persoa na que a voz narrativa,
non esquezamos que de índole literaria, escolle internarse polos ámbitos da non
ficción para explorar todas aquelas zonas lóbregas que a ollada dunha muller
que se considera invisible ilumina. Eis unha historia de amor e ruínas, un
exercicio de reconstrución das causas que explican unha derruba persoal antes,
durante e despois dunha ruptura sentimental. Alguén, por certo, que se define
como «un
animal imaxinario; un personaxe de conto; unha muller de mentira».
Coma se se tratase,
así, dun breviario, dun diario sen datas, dun libro a medio camiño entre a
memoria, a crónica e a ficción, é esta unha proposta gobernada por un espírito
acaroado á brevidade, á escolla consciente do termo adecuado no seu xusto
lugar. Iria Collazo acumula, deste xeito, pasaxes narrativas que nos deixan
perplexos pola súa fondura psicolóxica, algo que deixa o camiño aberto a unha
busca teimosa da intensidade emocional. Eses relatos mínimos, así pois, afondan
na percepción, ou se se quere na interpretación, de acontecementos vividos de
non sempre grata recordación. Velaí, ademais, como a autora incorpora un xogo
vizoso que entendo como un espello que deixa admirar o cruzamento ou o diálogo
con múltiples referencias literarias, cinematográficas e musicais que axudan,
de vez, a erguer un edificio narrativo que xira e xira por volta dun camiño que
non conduce a ningures ou talvez a algo novo e esperanzado.
Na presentación desta
novela na Feira do Libro en Vigo, Iria Collazo confesou que nas últimas semanas
moitas persoas que leran a novela manifestaban que desexaban darlle unha aperta
polo que escribira. Non é de estrañar. Eu formo parte xa desta causa das
apertas.
A muller de mentira
Iria Collazo López
Galaxia, Vigo, 122 páxinas, 16,50 €, 2026
[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:
Enviar um comentário