Escrito por Ramón Nicolás
Hai algún tempo, grazas aos traballos de Ricardo Gurriarán, soubemos da existencia dun fillo de Enrique Peinador Lines, fusilado no ano 1940 e que, talvez, este feito foi unha das causas da súa morte acontecida, xustamente, pouco tempo despois.
Precisamente é Enrique Peinador Porrúa o motivo que estrutura esta investigación de Redondo Abal, lamentablemente póstuma. Bibliotecario e historiador, a este autor debémoslle títulos absolutamente necesarios e sempre rexidos pola pulcritude e rigor que guiaban as súas publicacións. Este é o trazo que prefigura unha completa, e elucidadora, análise sobre quen foi avogado laboralista, militante de Izquierda Republicana, dirixente das Milicias Populares Galegas e finalmente executado, en abril de 1940, no cemiterio do leste de Madrid.
Alén dun seguimento biográfico exposto polo miúdo, este libro fai agromar unha personalidade de alguén que puxo sempre por riba valores como o respecto pola vida e a solidariedade. Malia isto, o tribunal militar que o xulgou foi implacable e, tal e como nos relata Redondo Abal, as súas responsabilidades no Comité Provincial de Investigación Pública e o seu papel como fiscal acusador contra elementos da Quinta Columna madrileña -sobre a que se ofrece unha análise para min moi interesante- constituíron factores determinantes que puideron máis que a existencia de informes ao seu favor de moitos dereitistas aos que salvou dunha morte certa. Peinador Porrúa, como subscribe o biógrafo, xa estaba condenado a morrer diante dun pelotón de fusilamento antes da celebración do Consello de Guerra polas devanditas razóns ás que se lle sumaban, igualmente, a súa pertenza á masonaría co nome simbólico de Prisciliano e ao feito de que reclamara a amnistía polos sucesos de outubro de 1934.
Esta investigación testemuña como aínda, 90 anos despois do comezo da guerra civil, aínda hai tanto que dicir e tanto que exhumar para iluminar o noso pasado como fixo Redondo Abal neste recomendable ensaio.
Francisco Xabier Redondo Abal
Un demócrata fronte á barbarie fascista. Vida e martirio de Enrique Peinador Porrúa, republicano galeguista (1902-1940)
Laiovento, 168 páxinas, 17,95 €, Santiago de Compostela
[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:
Enviar um comentário