quinta-feira, 16 de julho de 2026

Eva Moreda, escritora: «Na Galiza a emigración foi forzosa, pero hai xente para a que foi unha decisión autónoma»

Eva Moreda (A Veiga, 1981) presenta Conventículo (Aira Editorial), unha novela sobre dúas medio irmás separadas pola distancia e as xeracións. A través dunha viaxe a Gran Bretaña da pequena, a autora explora os vínculos familiares, a emigración contemporánea e a memoria da lingua galega oral. 

A escritora Eva Moreda 

Escrito por Sergio Casal 

—Cales foron as temáticas principais que quixo tratar nesta obra?

Para min, a temática máis importante é a relación entre as irmás, de sororidade, aínda que hoxe esa palabra teña significados máis amplos. Unha relación entre irmás do mesmo xénero interesábame por ser algo que eu non vivín, porque só teño un irmán. Na novela son medio-irmás, só de pai, e lévanse dez anos; esa diferenza xeracional entre irmáns sempre me chamou moito atención. Esta temática xeracional é, se cadra, máis importante no libro que a da propia emigración, que tamén está aí pero máis como transfondo. A emigración engádelle outra dimensión á relación: a maior emigra con vinte e poucos anos, e durante a adolescencia a pequena vive separada dela. 

—Que lle interesaba explorar afastando os personaxes desta nova novela do seu lugar de orixe?
Teño escrito bastante sobre a emigración nestes anos e sempre busco novos xeitos de achegarme a ela. Aquí entra dun xeito máis tanxencial, e tamén o tema das diferenzas xeracionais: a marcha a Gran Bretaña sitúase a comezos dos anos 2000, e a nena nace anos máis tarde, xa coa crise económica polo medio e unha diáspora de xente cualificada cara alá e a outros lugares. A protagonista non forma parte desa diáspora, pero está no transfondo.

Fascíname pensar nas motivacións da emigración contemporánea: na Galiza pintámola case sempre como forzosa, sen oportunidades, con xente que sofre e se sente expulsada. Non o minimizo, pero penso que tamén hai xente para a que emigrar é unha decisión máis autónoma 

—Que cambia nesa relación familiar cando hai separación xeracional e cando se traslada a outro contexto?
Interesábame trasladar esa relación a un contexto descoñecido. Podía situar o reencontro no centro de Londres, con todos os tópicos que coñece todo o mundo, ou en Edimburgo. Pero preferín unha vila dormitorio na periferia de Londres, cunha certa entidade histórica pero tamén con esa calidade de non-lugar. Eses sitios interésanme moito, sobre todo no verán, cando o tempo parece suspenderse: vas a un sitio e non sabes realmente como é a vida alí, porque a xente está de vacacións ou non está traballando. Quería situar a relación entre irmás nun lugar que deixase en evidencia certas tensións. 

—Destaca na novela a súa capacidade para captar a oralidade da lingua. Como traballa eses trazos á hora de levalo á escrita?

É algo que levo facendo moitos anos e que penso que vou afinando, aínda que ao comezo custábame bastante. Vivo en Escocia e non teño contacto diario co galego oral, e iso quizais fai que lle dea aínda máis importancia, como se fose algo perdido para min. 

Traballo moito coa memoria: teño afinidade pola linguaxe e resúltame relativamente sinxelo lembrar conversas da infancia, mesmo palabra por palabra. 

Tamén me interesa moito como escribe hoxe en día a xente en galego nas redes sociais, porque deu lugar a un estilo propio, distinto do galego de hai vinte anos. E logo hai moito traballo de repaso: revisar cada fragmento e cada frase, até que teñan o ton que me convence.  

[Foto: Nikolai Zelmjannikov - fonte: www.nosdiario.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário