A Manuel
Rivas invadiuno a tristeza cando soubo que a maquinaria pesada acabara coa Pena
do Cuco, onde de cativo sentía a excitación dos que soñaban con voar mentres
ollaba “en panorámica, o Arco Ártabro todo”. “Nunca pensei que me ía doer tanto
a morte dunha pedra”, lembra n’As voces baixas. O episodio que narra o
académico condensa desde a expresión literaria o tema da XI Xornada de
Onomástica Galega, que baixo o título Onomástica e ecoloxía se
centrará na perda da toponimia pola transformación do territorio derivada da
interacción co ser humano, desde a provocada por industrias como as extractivas
aos cambios na organización administrativa. O encontro, organizado polo
Seminario de Onomástica da Real Academia Galega coa colaboración da Deputación
de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, será o sábado 10 de outubro no Edificio
Castelao do propio museo. A inscrición, libre e gratuíta, pode realizarse
xa nesta ligazón.
“Cando
poñemos en relación ecoloxía e onomástica, facémolo desde unha perspectiva
dupla: a perda da toponimia, entendida como un ecosistema en perigo, e as
consecuencias que sofren os nomes de lugar pola transformación do territorio
derivada da interacción do ser humano. En realidade, é esa mesma interacción a
que produce a toponimia, mais neste tempos a aceleración da destrución do medio
natural implica tamén a destrución dos propios nomes de lugar”, expón a
académica Ana Boullón, que coordina o encontro xunto á académica correspondente
Luz Méndez.
Os
microtopónimos (os nomes de pedras, camiños, fontes, fragas ou veigas) son
neste sentido moito máis fráxiles, xa que a toponimia maior, a dos lugares
habitados, está protexida polo seu status legal. “De todas formas, os cambios na
configuración da paisaxe derivados da destrución da natureza levan consigo a
perda de todo tipo de nomes”, advirte a especialista. “Pensemos, por exemplo,
naquelas aldeas que sepultaron os encoros nos vales máis vizoso dos ríos. É o
caso de Maiorga (Pantón), no encoro dos Peares (Miño), Mourulle (Taboada), Portomeñe (O
Saviñao) ou Castro Candaz (Chantada), no encoro de Belesar
(Miño). Algúns deles sobreviven unicamente como apelidos, último rastro
dos núcleos antano habitados”, repasa. Canteiras, minas, lagoas artificiais ou
mesmo urbanizacións son outros tipo de accións humanas que “devoran os nomes
dos núcleos orixinarios e impoñen nomes de rúas que nada teñen que ver co
territorio orixinal”, engade Ana Boullón.
Voces
convidadas
O
programa da XI Xornada de Onomástica permitirá afondar nalgúns destes casos
desde diversas perspectivas. Tras a inauguración (10 horas) a escritora e
académica Marilar Aleixandre pronunciará a conferencia de apertura, “Os nomes
arrepóñense”, unha achega sobre a perda da microtoponimia, o seu valor cultural
e a relación cos riscos ambientais e perda de espazos naturais. Deseguido será
a quenda de Francisco Macías coa intervención “Os nomes que saíron do escuro”,
sobre o impacto dos lumes do ano pasado na toponimia do Bierzo.
Sobre as
consecuencias de cambios administrativos falará o catedrático de Xeografía da
Universidade de Santiago de Compostela Valerià Paül, que pronunciará o
relatorio “As comarcas na Galiza autonómica: entre a agonía e a resistencia”. O
biólogo Miguel Á. Conde Teira participará con “Unha viaxe toponímica no tempo
en Posmarcos: de 1396 a 2013”; a profesora Andrea Santiso exporá unha
intervención didáctica sobre o impacto das industrias extractivas na
microtoponimia desenvolvida no IES Val do Asma (Chantada); e o arqueólogo,
toponimista e profesional do audiovisual Lukas Santiago falará sobre a
recuperación da toponimia de Lourizán. O público poderá ademais ver o seu
documental Paraíso roubado, que lle porá o ramo á xornada.
[Fonte: www.academia.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário