Restos do hospital Gandhi de Teherán, bombardeado nos ataques de EUA e Israel
Escrito por Antonio Gregorio
A
finais da década pasada facíame sorrir cada pase que contemplaba dun anuncio de
televisión. Consistía en amosar como un coche que non din identificado era
sucesivamente golpeado e esmagado por un elefante ata que un individuo con
aspecto de indio, supoño que para xuntalo mentalmente co elefante e a cultura
mística india, o comparaba cunha foto dun coche europeo (non lembro cal, pero
si lembro que era francés) e lle daba o visto bo. O anuncio, para min, era un
fracaso que me facía sorrir.
Nun primeiro momento, parecíame que reducía o
coche ó deseño, descartando a mecánica ou a comodidade como algo prescindible.
Mais coa repetición de visionados, fun algo máis aló: o esnaquizar un aparello
para convertelo no que non é non deixa de ser unha perda de recursos, a máis de
reducir as súas posibilidades (o que o converte nunha especie
de antianuncio), e mesmo un desacreditar a reparación de obxectos polos
propios medios. Pódese afondar no dito, pero as consecuencias indican que
basicamente poderíase tomar por un anuncio que se volve anticapitalista, contra
as premisas que manteñen o sistema que fai posible o anuncio.
O anuncio veume á cabeza pola actuación estadounidense
(non norteamericana) no estreito de Ormuz. De
Hormuz, como escriben eles. Estadounidense, porque Trump é quen ordena, mais as
forzas son de todos, dende Hawaii no oeste a Florida no surleste e Maine no
norleste, e foi o sistema que teñen e os seus votos quen puxeron a Trump no
lugar que ocupa e coas prerrogativas que ten hoxe. Naturalmente,
haberá quen poda dicir que non quere a Trump nin ó sistema, pero o caso é que é
de todos eles, para mal ou para ben. O seu compañeiro de ataque, israelí, non
merece mellores verbas. O caso é que primeiro esmágase
Irán, e logo compárase coa foto que se pretendía ter ó final. E
non, non coincide o aspecto do país co que se pretendía dun estado ós pés do
atacante co seu petróleo (o iraní) no seu depósito (estadounidense), o seu
uranio (iraní) nas súas bombas ou centrais (estadounidenses), co seu estreito
(compartido entre Irán e Omán) nas súas mans (estadounidenses).
Sen máis
liberdade que antes (tanto na ditadura teocrática iraní como no que corresponda
ós EEUU). Polo medio, os bombardeos que comezaron esnaquizando unha escola de
nenas, a modo de elefante ‘moldeando’ o coche do anuncio, e as pequenas
esquirlas que saltaron sexa en Israel, nas bases norteamericanas en Oriente
Medio ou nos barcos indefensos (e indefendibles) amoreados en Ormuz. E o
efecto, por moito que se lle dea propaganda, é iso: un
esnaquizamento do inimigo que amosa a tolemia do atacante, que mantén nas mans
un deseño que só un tolo tentaría homologar con algo parello á realidade.
[Foto: CC-BY-SA Tasnim News Agency - fonte: www.praza.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário