Con ese título, publicou o Prof. Barreiro un artigo que dou que falar; todo moi ben dito e medido, pero que eu non acabo xa non de compartir (iso é cousa de cada quen), senón de entender. Despistaríame menos «A eutanasia do galego» ou algo así. Tampouco teño claro o que ten de descritivo, de prescritivo e de profético.
Manifestación a prol do galego
Escrito por Antonio Carlos Pereira-Menaut
Que é chocar, pouco me chocara. Pero pola regla de tres de Barreiro, se ao galego lle quedan dous telexornais, ao español quédanlle como catro. A súa degradación está a ser proporcionalmente máis rápida que a do galego, que aguantou moitos séculos. O sobranceiro “idioma de nuestro glorioso imperio”, enxalzado hai ben pouco, está a se converter, e rapidamente, nun «inglés traducido por latinos». Pero non o celebro; non é a primeira vez que eu, nacionalista galego, defendo o español fronte ao “Spanglish”, tan patrocinado polos neoespañolistas. Non habería que loitar polo galego, e despois mesmo polo español, fronte a calquera linga que se pretenda universal? En troques, España semella un protectorado alemán que tolea por falar inglés (mal).
Unha sola lingua universal, ben posible por desgracia, sería unha aberración antihumana. Xoan Paulo II falou de preservar culturas e linguas. Precisamos máis arraigo que nunca (Simone Weil). “Malorum causa”, a morte de calquera lingua ou cultura; e se morre, un humanista nunca lle practicará a eutanasia.
O exemplo da morte incluso do latín, aducido no artigo, é erróneo. O latín nunca foi desprazado por ningunha lingua; en certo xeito nunca morreu; se acaso, estaría a morrer hoxe. O que falamos nós é latín vulgar do século XXI. Ao latín non o levou por diante ningún outro idioma; foi evoluindo e mesturándose. O actual abandono do latín é suicida, como o da cultura grecorromana, que por primeira vez na historia, xa case nin se estudia.
Pero imos ao noso. En Elche, con 250.000 habitantes (veño de alí agora) nunca escoitas valenciano, nin ves pintadas de “Parlem valencià”; en Alacant, menos. Gana España algo con iso? Máis PIB, menos ansiolíticos, menos desemprego, menos suicidios? Ben pensado, coa perda do valenciano empobrécese a propia España; e empobrécese a cambio de nada. Son conscientes os «españolistas», desprezadores do galego ou do valenciano, de que hai aquí unhas novas poboacións non hispanofalantes a medrar cada ano? Pode España deixar morrer unha seña de identidade súa (o valenciano é un idioma español), coas identidades africanas, latinas ou romanesas entrando en tromba? A que inimigo se opoñen os españolistas? Pisan terra? Cál é a verdadeira ameaza ao castelán? Có español esmagándose entre o inglés e o español-latino, cedendo terreo a cotío —e isto o ve calquera—, quen pode ser tan cego como para crer que o problema son as linguas españolas periféricas (aparte de que son igualmente españolas e latinas, agás o éuscaro).
Razoará o Prof. Barreiro igual respecto dun posible castelán esmorecente, cando o inglés sexa prevalente en España? Xa o é en certos ambientes —grandes empresas, grandes bufetes—, e na rúa medra de mes a mes. Nas clases moi altas, xeralmente moi españolistas, “de facto” non se defende o español. Mandan aos fillos fora; canto máis anglo, máis mérito (como en Galicia mandándoos a Madrid). Cada ano que pasa, precisamos un chisco menos ter un bo dominio do español; nin para ler os escaparates. No centro de Coruña escoitas moito inglés: excelente, pero sempre que o noso, o de aquí, non esmoreza. Nunha grande cidade, como Valencia, queda un parvo de ver o valenciano, con toda a súa historia, reducido a idioma de nichos, e nichos cada día menos e menores; mesmo nas universidades. Temen algúns que o catalán o colonice; non o sei, pero se cadra colonizará non moito máis que un cadaleito.
Como sempre, hai moito que falar. ¿Por que sobreviven linguas irrisorias (propiamente, «irrisoria» non é ningunha lingua), como o islandés, cós habitantes de Vigo e moita menos proxección que o galego? E o noruegués? Mesmo Suecia ten os habitantes de Andalucía.
Eu confésome anglófilo encirrado dende o meu uso de razón política, pero non concordo con que os grandes pisan aos pequenos sempre, como proban Islandia, Dinamarca e outros. Estonia ten a poboación da provincia de Coruña (un chisco máis). Eslovenia, a de Coruña máis Pontevedra. E así.
Hoxe os nosos nenos cursan algunhas materias en inglés con libros aprobados oficialmente. Estudian “Ferdinand and Isobel, the Catholic Kings”. E aos seus profesores non lles da a risa. Abrín un día unha páxina web da DGT, por mor dunha multa, e abríuseme en inglés. Outra vez, con Muface, o mesmo. Iso puido ser casual, pero non o é que o tren Santiago-Coruña anuncie “Next station, Uxes”. Na fala común cada día hai unha nova verba inglesa, unha frase, unha construción, un tempo verbal que morre. Ata as velliñas din xa “wow!” e “random”. A decote escoitas pais parolándolle ao cativo en inglés (usualmente, malo). O vindeiro 4-VII, Madrid celebrará oficialmente o 250 aniversario da independencia norteamericana.
Ninguén pode ignorar todo isto.
A «salvación» (é un falar) está no “Small is Beautiful”, de Schumacher. Ingleses e americanos creen iso e teñen poboamento disperso; só unha porcentaxe pequena dos americanos viven en grandes cidades. No canto diso, en Santiago de Chile viven 7 millóns dun total de 17; en Lima, 14, e así. Madrid segue ese modelo. En Escocia ninguén defende deixar morrer o que queda do seu gaélico (deixárano morrer en Irlanda, e pesoulles), unha fala moito menos importante que o galego, e que nunca foi a de toda Escocia.
Pero tamén hai un argumento ben práctico. O futuro de Galicia pasa pola relación có Norte de Portugal; ninguén o negará. Eis unha porta á lusofonía (250 millóns de falantes; moitos máis que o alemán). Non é un claro tiro no pé?
[Fonte: www.galiciaconfidencial.com]

Sem comentários:
Enviar um comentário