Segundo a Lei de Normalización Lingüística (1983), os topónimos de Galicia teñen como única forma oficial a galega e correspóndelle á Xunta de Galicia a sanción final das denominacións das entidades de poboación que propón a RAG, respectando sempre as características dialectais de cada zona. O novo rexistro oficial entrará así en vigor tras a publicación no Diario Oficial de Galicia do decreto correspondente. O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega agarda que en diante as vindeiras actualizacións deste documento en constante revisión se vaian aprobando de maneira anual ou bienal, como sucede noutras comunidades autónomas.
Tipos de modificacións e criterios aplicados
Os criterios xerais que os especialistas da RAG seguen para ditaminar e, polo tanto, modificar ou manter a forma oficial dun topónimo son catro: malia que o primordial é a etimoloxía de cada unha das denominacións, téñense en conta tamén as atestacións escritas na documentación histórica, especialmente cando a etimoloxía é escura; a tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos, e mais o uso oral e escrito que a veciñanza e as principais institucións fan do topónimo. Procúrase ademais non realizar un novo ditame naqueles casos que presentaban dúbidas.
Dentro do primeiro gran grupo de revisións, estudáronse 4.398 topónimos sobre os que se sinalaba algún posible problema lingüístico. Case o 60 %, un total de 2.531, foron obxecto dun novo ditame. As preto de 5.000 incidencias analizadas en total (hai topónimos obxecto de revisión por máis dun motivo) clasificáronse en seis grupos xerais: morfosintácticas (2.479), léxicas (927), gráficas (377), fonéticas (900), compostas (140) e advocacións de parroquias (128).
A maior porcentaxe de problemas que presentaba o NG 2003 refírese á ausencia ou á presenza do artigo. Realizáronse 1.519 informes que respondían á necesidade de incluílo na denominación oficial de lugares como os do Barral, O Couto, O Curriño, O Torreiro, O Fixoi, O Ceán e As Pociñas, no concello coruñés de Abegondo; mentres que noutros 427 casos ditaminouse que cumpría eliminar o artigo en lugares como Vilar no mesmo municipio.
Os problemas léxicos tamén foron motivo dun gran número de revisións, máis de 900. Especialmente importantes foron as investigacións que se levaron a cabo naqueles topónimos en que se detectou un nome total ou parcialmente distinto; ou aquelas en que se restituíu a forma patrimonial galega de topónimos que figuraban castelanizados no NG 2003, como os varios *A Rectoral que pasan a ser A Reitoral en Cabana de Bergantiños, Santiso, Xermade, Monforte de Lemos, Taboadela, Vilagarcía de Arousa, Ortigueira e Crecente.
Canto aos 128 problemas identificados nas advocacións de parroquias, 80 respondían á advocación errada, 45 estaban castelanizada e 3 carecían de advocación no anterior Nomenclátor.
Na revisión do NG advertiuse ademais a existencia de 13.788 topónimos con algún problema xeográfico-administrativo, que sumaban 16.752 incidencias. Malia que a cifra semella realmente alta, cómpre ter en conta que o 64 % corresponde a discordancias cos datos do INE. Hai, por exemplo, 8.817 topónimos que non figuran no relación estatal pero que si aparecían xa no Nomenclátor de Galicia de 2003. Neste casos, só se deixa constancia desta circunstancia, sen que sexa preciso o estudo e ditame do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
Danse ademais de alta 1.658 lugares. Algunhas incorporacións corresponden a novas entidades de poboación, se ben a maioría son nomes de aldeas con moi poucos habitantes que se incorporan á nova listaxe autonómica grazas á información facilitada polos concellos, o Instituto de Estudos do Territorio e as persoas que colaboran con Galicia Nomeada, o proxecto da Academia e a Xunta para a xeolocalización de microtopónimos que designan leiras, montes ou veigas, mais que tamén serve de apoio de cara á corrección do Nomenclátor.
Hai así mesmo 111 novos lugares que responden á existencia de núcleos de casas co mesmo nome pero diferenciados por adxectivos ou locucións adverbiais (de Arriba, de Abaixo...); 33 son correccións na asignación de parroquia ou concello; e por último, 9 son lugares compartidos entre dúas parroquias, cando no NG 2003 só figuraban incluídos nunha delas.
Tendo en conta todos os diferentes posibles motivos, os concellos que máis entidades de poboación rexistran por primeira vez no novo Nomenclátor de Galicia son Foz (176), Lourenzá (56), Narón (53), Ourol (49) e Pontevedra (47). Chaman tamén a atención outros casos como o do Porto do Son, con 37 entidades de poboación máis, entre elas A Beira, O Campo, A Carballa, O Castro, Comandín, A Cascoña ou As Crabeiras.
No que atinxe ás baixas, elimináronse 8 parroquias e 155 entidades de poboación que formaban parte do NG de 2003, gran parte delas por seren lugares adscritos a unha parroquia errónea (80) ou porque son nomes de terras, de avenidas, de rúas, de prazas, de aldeas asolagadas ou desaparecidas.
O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega agarda que as próximas modificacións sexan aprobadas de forma periódica, contando idealmente cunha nova versión do Nomenclátor cada ano que corrixa oficialmente con axilidade as constantes correccións de imprecisións detectadas, mais que tamén responda á nova realidade urbana en constante transformación, como xa se fixo para o caso do concello da Coruña, onde desenvolvementos urbanos como o recente Polígono de Visma implicaron a desaparición de dúas entidades de poboación, O Barral e O Coidal. Outras entidades tamén eliminadas na Coruña son O Corgo, desaparecida ao construírse o actual parque de Oza, ou Carracedo e As Cernadas, en Mato Grande. No lado oposto figuran entidades de poboación de nova creación que se engaden ao Nomenclátor, como O Monte Alfeirán ou O Monte de Mero, onde se prevé o desenvolvemento de novos espazos urbanos.
[Fonte: www.academia.gal]

Sem comentários:
Enviar um comentário