quarta-feira, 10 de dezembro de 2025

«O país invisible. A epopea atlántica da diáspora galega», de Arturo Lezcano

Un libro que é unha feliz mestura entre experiencia persoal, entrevistas, referencias documentais precisas e a vontade de estilo. 

Arturo Lezcano

O país invisible. A epopea atlántica da diáspora galega

Libros del K.O, Madrid, 608 páxinas, 25,90 €

Escrito por Ramón Nicolás

É ben probable que a diáspora galega sexa un dos elementos axiais que percorren a xeografía física mais tamén identitaria e sentimental do noso país. Dío, con convicción e acerto, o propio Arturo Lezcano neste libro titulado O país invisible. A epopea atlántica da diáspora galega, publicada por Libros del K.O. e que a semana que vén ofrece a versión en castelán: «suma de emigración e exilio, a diáspora foi o fenómeno transversal e constante que máis influíu na nosa vida colectiva». En efecto, moitas voces foron achegándose paseniño ao longo do tempo a este asunto e fixérono en todos os xéneros posibles. Mais na diáspora, tamén no que proxecta sobre a nosa literatura, hai moito que facer, como por exemplo a composición dunha antoloxía poética, nese eido tan fértil para a reivindicación social, que compile textos que aborden, xustamente, a diáspora e as súas consecuencias, onte e hoxe.

Teño para min, neste sentido, que este libro de Lezcano hai que situalo nun espazo destacado entre as páxinas abeiradas por volta da diáspora e sobre o que escribiron, con brillantez, un monllo de autores que van de Pilar Cagiao a Beiras, de Villares a Barreiro, de Núñez Seixas a Rodríguez Galdo, de Sixirei a Jesús de Juana entre tantos outros, mais talvez neste caso coa intención de dar voz aos que nunca a tiveron individualmente. Neste ronsel de libros divulgativos, e tan precisos para recoñecernos, navegan estas páxinas que son resultado, talvez, dunha feliz mestura entre experiencia persoal en primeira persoa, un bo número de celmosas entrevistas, ese dato ou referencia documental precisa e, ao mesmo tempo, esa vontade, rara por infrecuente, de interesar á persoa que caia nestas páxinas pois todo está construído con contención, limpeza, transparencia e axilidade, isto é, o que antes se chamaba vontade de estilo, palpable así pois nun relato xornalístico vibrante, tan preto da reportaxe, que anoa sempre todas as historias, e hai moitas, ao espazo onde agroman.

Lezcano deseñou unha singradura vizosa interoceánica que satisfai as expectativas da persoa máis esixente. Deixounos un libro que se deixa abrazar, do que se aprende moito e no que, é incuestionable, tamén hai lugar para a emoción e o (auto)recoñecemento. Oxalá estas páxinas sirvan para afondar nesta parte substancial da nosa historia, tan invisible sen dúbida e que nos constrúe singularmente; páxinas, por último, que deberían ser operativas para abrir o foco cara ás novas diásporas que hoxe nos rodean e acabar de entendelas así como a nosa propia historia nos ensina, isto é, desde o respecto e solidariedade.


[Fonte: cadernodacritica.wordpress.com]

Sem comentários:

Enviar um comentário