![]() |
Vila-Matas no 2013 nunha visita á Coruña. |
Escrito por Mercedes Corbillón
O meu exmaridito díxome, mentres agardabamos na porta de
titoría, que a última novela de Vila Matas «vai de» intelixencia artificial.
Dicíao con orgullo, coma se o invento fose seu, fascinado como se anda coas
posibilidades das últimas tecnoloxías. O de crear unha intelixencia superior á
humana, desde o punto de vista evolutivo, non sei se é unha boa idea, pero aí
está, seguindo o seu camiño. Contesteille que a novela de Vila Matas é unha
xenialidade e que os bos libros non «van de» nada. Os que me gustan de verdade
abren portas a ningunha parte, engadín. Máis os de Vila Matas, que andan
camiñando polas aforas de todo, polas aforas das aforas, como o protagonista e
a súa filla Ryo. Sen retorno posible. De feito, a filla vai chegar, pero non o
fai, como a profesora de Lingua á que agardamos. Miroume coma se non entendese
nada. Ía dicirlle que eses pasos sen destino quizais levan ao interior dun
mesmo e que alí non hai bordos, todo é infinito, pero sentinme como Vidal
Escabia, recibindo impulsos mentais de dous lugares distintos. O protagonista,
expliqueille, é un androide que non ten recordos de infancia porque foi creado
na Boulder Corporation. A súa función primigenia era a de asistente dun
escritor. A el e a outros da súa procedencia, un grande apagamento na cidade de
Barcelona permitiu unha vida aberta, de duración indefinida, con tendencia ao
humano, con todo o que iso significa. «Son como refugallos do que algún día puideron ser e non foron». Agora
aos Denver 7 perséguenos, pero creo que iso só é importante como metáfora de
algo. De que?, pregúntame el. Fago como que non oio e sigo. O replicante tamén
sentiu a pulsión de escribir, sempre a partir de ler a outros, palabras que
empurran a sentar ante un escritorio, frases como «escoito cos meus ollos aos
mortos», de Quevedo. Está a facer o seu propio canon intempestivo e mentalmente
desprazado, como todos os individuos interesantes, e aliméntase de fragmentos.
Fragmentos que son un todo, sen pasado nin futuro, que falan do relegado, do
escuro, que «mostran o pouco que queda do mundo. E da literatura».
[Imaxe: PACO RODRÍGUEZ - fonte: www.lavozdegalicia.es]
Sem comentários:
Enviar um comentário