quinta-feira, 13 de março de 2025

Ana López-Suevos, xuíza: «A Xustiza vive de costas á situación de bilingüismo de Galicia»

 


Escrito por Juan Oliva

A Coruña, Ana López-Suevos, maxistrada do Xulgado de Instrución Número 1 de Santiago, é unha das poucas xuízas de Galicia, non pasan dunha ducia, que utilizan o galego como ferramenta de traballo. De feito, é a única que o fai en todo o edificio no que está o seu xulgado, onde hai outros tres de instrución, o de garda, dous do penal, seis de instancia, o decanato, unha sala da Audiencia Provincial, a sede da Fiscalía, a Oficina da Vítima e a delegación do Instituto de Medicina Legal. Segundo o último informe do Consello de Europa sobre as linguas minorizadas, e ao contrario do que ocorre en Catalunya e en Euskadi, a lingua cooficial de Galicia padece na Administración de Xustiza unha severa situación de discriminación. Menos do 1% dos procedementos xudiciais desenvólvense en galego, a pesar de ser a lingua nai de centos de miles de usuarios do sistema.

López-Suevos, que asegura que hai case 30 anos decidiu facerse xuíza pola capacidade que intuíu nesa profesión para incidir positivamente na transformación da sociedade, asegura que goza da adrenalina dun xulgado de instrución, e admite que elixir o galego multiplica o seu traballo, xa de seu abafador, e expona ao rexeitamento dalgúns compañeiros xuristas. Pero segue adiante, porque cre que os xuíces son servidores públicos e sabe, aínda que non o diga expresamente, que redactar unha sentenza en galego e normalizar o uso desa lingua nun dos ámbitos que máis a exclúen tamén é unha ferramenta poderosa para transformar a mellor a sociedade.

O motivo de pedirlle esta entrevista é que é noticia que haxa unha xuíza que utiliza o galego como lingua de traballo. Hai algún compañeiro máis, pero somos moi poucos. A Administración de Xustiza vive de costas á situación de bilingüismo de Galicia. Non tanto no que se refire ao uso do galego de forma oral, pois utilízase bastante, sobre todo no partido xudicial de Santiago, onde está moi presente na sociedade, pero de forma escrita, o seu uso é excepcional, tanto por parte dos xuíces como dos fiscais e avogados ou avogadas.

Vostede utiliza o galego nos seus autos e sentenzas, tamén na toma de declaracións, na vista oral? Si, sempre, salvo que alguén me diga que non o entende. Entón, cambio de idioma.

Algunha vez lle teñen pedido que fale en español por un posicionamento político, non porque non a entendan? Tiven algunha situación desagradable con avogados ou avogadas de fóra, que, aínda que eu non podo saber de onde veñen, tiveron algunha intervención pouco respectuosa, en plan: «Esixo que me fale español!». Mesmo houbo un que me dixo unha vez que eu falaba un dialecto parecido ao quechua.

Parecido ao quechua? Pero, de onde viña ese avogado ou avogada? De Madrid. Sufrín algunhas faltas de respecto nese sentido. E eu non podo saber pola súa cara de onde vén un avogado. Se mo pide, cambio de idioma inmediatamente. Non adoita pasar nunca cos administrados, porque, cando de verdade non te entenden, dincho correctamente, e eu cambio de idioma e xa está. Aínda que ás veces sucede ao revés: cando ven que lles falo en galego, deseguido cambian eles á súa lingua.

Algunha vez lle teñen pedido un intérprete? Non, é que non fai falta. Eu presto un servizo público e quero que a xente estea o máis cómoda posible, dentro dun contexto dun xulgado de instrución, que nunca é cómodo. Se unha persoa me di que non me entende, cambio inmediatamente, non hai problema. Son bilingüe.

Nestes xulgados toda a cartelería e os indicadores están en galego, o garda civil que está na porta saudoume nese idioma e puiden oír os funcionarios expresarse entre eles e co público en galego e en castelán, sen problemas. Por que os organismos xudiciais son tan remisos a comunicarse tamén en galego? O problema fundamental é que non temos un sistema informático bilingüe. As outras comunidades autónomas do Estado español que teñen idiomas oficiais, Catalunya e Euskadi, si o teñen. Aquí non. Pedinllo ao Goberno autonómico no ano 1997 ou 1998, e logo ao bipartito. Pedinlles expresamente un sistema informático bilingüe.

«Sei ao que me expoño por elixir a opción de traballar en galego»

 

Trátase dunha competencia da Xunta e non do Goberno central? Si. Pero non houbo forma. E os xulgados xa estamos colapsados, tramitamos a toda velocidade. Os funcionarios non poden poñerse a traducir todos os modelos [de documentos] informáticos. Eu fago en galego todas as resolucións que son da miña autoría directa, pero todo o demais, que é moito, todos os demais trámites, van en castelán porque non temos outra opción. Esa é a gran deficiencia. E é unha cuestión exclusivamente orzamentaria, porque esoutras comunidades si teñen ese sistema bilingüe. É un investimento que só se ten que facer unha vez e o seu custo non debe ser moi elevado.

O Diario Oficial de Galicia publicou onte [polo pasado martes] unha orde que contempla axudas de 350.000 euros para as entidades locais para que promovan a prestación de servizos en galego. Podería facerse algo parecido cos xulgados? É unha cuestión de falta de vontade. Porque hai cidadáns que nos piden exercer o seu dereito a que se lles tramite en galego e non só é que non poidamos atendelos, é que acaban producindo un rexeitamento tremendo. Convértense en cidadáns problemáticos porque nos obrigan a traducilo todo. É unha petición que non resulta ben acollida porque estamos colapsados. Ese é o principal problema: a falta dun sistema informático en galego.

Vostedes externalizan o traballo de tradución, contratan intérpretes ou tradutores? Non. Temos unha tradutora da Xunta, pero ela non pode traducir o sistema informático. E insisto en que iso non sucede nas outras dúas comunidades. Chéganme requirimentos de Euskadi e están escritos en eúscaro e en castelán, nas dúas linguas.

As súas sentenzas tradúcense ao castelán? Só cando o pide unha das partes.

E iso canto tarda? Comunícaselle ás dúas partes nas dúas linguas ao mesmo tempo? A tradutora adoita ir bastante rápido, porque agora mesmo somos o único xulgado de todo este edificio que usa o galego. Non adoitas causarlle un problema ao administrado porque non tarda máis dun día. E o prazo para os recursos empeza a computar desde que lla comunicamos en castelán.

O Consello de Europa alertou no seu informe sobre as linguas minorizadas de 2008 que algúns avogados recomendaban aos seus clientes que non reclamasen o seu dereito para comunicarse en galego cos xulgados, porque os procedementos nesa lingua alónganse moito máis e porque ademais iso causa rexeitamento entre moitos xuíces e fiscais. Séguese dando esa situación de indefensión? É que se queres ser eficiente e rápido, ao non ter o sistema informático en galego… Vas provocar unha demora. Teriamos que ir traducindo todas as fases. E non o fai ninguén. A xente que o pide non recibe resposta en galego, ou só de maneira moi excepcional, porque non podemos pararnos con iso, estamos totalmente colapsados de traballo. Podo entender que os seus avogados os disuadan de pedilo, porque saben que iso atrasa o proceso. É verdade.

«O principal problema do galego na Administración de Xustiza é a falta dun sistema informático bilingüe»

 

Que importancia ten nunha instrución penal que un denunciante, un acusado ou unha testemuña poidan expresarse en galego se esta é a súa lingua nai? Dígoo pola espontaneidade nunha resposta, polo uso de termos que sexa difícil traducir… Polo xeral, a unha persoa que entra nun xulgado falando galego, os compañeiros non lle piden que cambien de idioma. Pero todos sabemos que o galego arrastra historicamente esa situación de diglosia, de complexo de inferioridade. E hai persoas que cambian ao castelán cando advirten que é o idioma do xuíz, que é a figura da que dependen os seus intereses. Mesmo ás veces considérase como unha cuestión de educación, algo que eu non comparto porque ninguén é un maleducado por dirixirse a ti nun xulgado nunha lingua oficial. Alguén que vive en Galicia e que fala galego non é maleducado por falarlle a outra persoa en galego, ou non máis nin menos maleducado que o seu interlocutor cando este lle responde en castelán.

 

Pérdense detalles nun testemuño se un galegofalante se  ve obrigado a declarar en castelán e a traducir mentalmente o que quere dicir? Iso non pode afectar a unha instrución, ou causar indefensión en quen declara? Si, pérdese riqueza, naturalidade, matices… Claro que se perden. Hai traducións que poden ser equívocas: de insultos, de ameazas que non significan o mesmo, de obxectos… Non é o mesmo un marco que un mojón, alguén que di guadaña cando se quere referir a outro apeiro… Outra cousa que adoitan facer os xulgados é que a alguén que declara en galego transcríbenlle a súa declaración en castelán. Os funcionarios do meu xulgado teñen a instrución de transcribila en galego, e, polo mesmo, de facelo en castelán cando alguén fala esa lingua. É verdade que lles resulta máis fácil transcribir todo en castelán porque todos temos unha formación moi deficitaria en lingua galega… Pero a min paréceme que iso vulnera os dereitos do administrado. E repito que nunca fago o contrario: nunca traduzo ao galego a alguén que utiliza o castelán. Nunca. Respecto o seu idioma na súa declaración, precisamente para que non perda riqueza, matices…

No caso de que se cambie a lingua orixinal dunha declaración, iso non debería facela un tradutor xurado? Claro! É unha trapallada de andar por casa. Pero insisto en que somos unha Administración colapsada de traballo. Colapsada completamente, nunha precariedade extrema. Imos todos como a sobrevivir, e entrar nos matices de se vulneras un dereito lingüístico ou non, francamente… Os funcionarios están superados polo traballo. Paréceme unha aberración que se faga así, pero é que non damos abasto.

Cando chegan recursos ou apelacións a outras instancias, hai animadversión desoutros órganos xudiciais  ante unha sentenza en galego? Non, nunca. Ao contrario, sempre son moi respectuosos. Por exemplo, cando a Audiencia Provincial da Coruña transcribe os feitos probados das miñas resolucións, faino en galego.

A súa lingua nai é o galego? Si.

E que opinión lle merece a situación actual do idioma? É moi preocupante. Están a perderse miles de falantes e o galego non está a chegar ao nivel de uso culto, científico… Se os idiomas non teñen ese rexistro, se o seu único uso é a conversación coloquial, se non se poñen en valor… Vanse perdendo. A miña aposta por traballar en galego é para darlle ese prestixio que nunca tivo, por esa historia negra da nosa lingua. Entre que se perden falantes e que o galego non chega a eses ámbitos que se consideran socialmente como de maior prestixio… Non sei se acabará desaparecendo, non sei se eu o verei, pero se seguimos así…

«Nunca traduzo ao galego a alguén que utiliza o castelán. Nunca. Respecto o seu idioma na súa declaración, precisamente para que non perda riqueza, matices…».

 

Neses ámbitos máis cultos inclúese a Administración de Xustiza. Quero dicir, non só funcionarios e xuíces, senón letrados e letradas dos xulgados, avogadas, fiscais, procuradores… Hai posibilidade de que se pasen ao galego? Hai compañeiros meus, xuíces e xuízas, que pasan como alumnos en prácticas e que despois deciden traballar en galego. Pero insisto en que non é tanto unha cuestión de rexeitamento senón de buscar a maior facilidade nunha situación de colapso. Eu decidín traballar en galego e para iso teño que traducir todos os textos que emprego. Póñolle outro exemplo: se chega un atestado da Policía Nacional e está en castelán, podería cortar e pegar parágrafos na resolución na que o cito. Pero eu teño que traducilo. Iso multiplica o traballo, e a verdade é que hai que estar moi convencida para facelo.

Tamén ten que traducir todas as citas xurisprudenciais e doctrinais que aparecen nos fundamentos das súas sentenzas. Claro. Podería poñelas entre aspas en castelán, pero non é o mesmo. Ás veces dígome: «Miña nai, teño que cambiar de idioma de traballo porque me vai a dar algo!».

De verdade ten pensado en volver ao castelán? Non, pero ás veces pódeme… Non sei, ás veces é desalentador. É moito traballo, nós temos que ir moi rápido e ves que pasan os anos, que nada cambia, que non che dan o sistema informático, que non parece que a ninguén lle importe isto… Penso: «Será unha guerra miña? Estou tola?».

E atopa refuxio noutros compañeiros? Porque me di que neste edificio só vostede usa o galego como ferramenta de traballo. Teño algúns compañeiros, xa lle digo, somos poucos pero…

«A miña aposta por traballar en galego é para contribuír a darlle prestixio que nunca tivo esa lingua»

 

Vostede foi xuíza do Social. Nese ámbito, notou rexeitamento por parte das empresas para usar o galego nos procedementos xudiciais? Hai uns anos tiven unha queixa por unha resolución en galego que motivou que o Consello Xeral do Poder Xudicial me abrise un expediente.

Cando foi iso? Hai tempo, non o lembro ben, antes do 2008, que foi cando cheguei a Instrución. Foi un avogado que en ningún momento pediu que se fixesen os trámites en castelán. O xuízo celebrouse en galego, a traballadora declarou en galego e a sentenza redacteina en galego… E como o avogado perdeu o caso, púxome unha queixa dicindo que me negara a usar o castelán. Abríronme expediente e tiven que probar que era falso. Pensemos no seguinte: Estado español, comunidade bilingüe, e eu líbrome da sanción porque acredito que ninguén me pediu que traballase en castelán. Se non puidese telo acreditado, tería un problema serio. É para pensalo, non? O caso arquivouse e tiven unha reacción de apoio dos compañeiros de Euskadi e Catalunya, de apoio total, presentaron escritos no Consello… O peor foi que aquel avogado o fixo porque perdeu o xuízo. Utilizou o argumento da lingua empregada na sentenza, que foi confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nun caso duro, moi duro, para atacarme. Pero sei que iso é ao que me expoño por elixir esta opción.

Por que decidiu facerse xuíza? Foi hai moitos anos, era case unha nena. Pareceume que é un traballo desde o que podes incidir de forma positiva na transformación da sociedade, e non quería ser política, que é outro dos ámbitos desde os que podes facelo. Penso que os xuíces prestamos un servizo público fundamental, e iso é o que me mantén, entre tanta presión e tanta carencia de medios. Gústame moito.

Nun xulgado de instrución investígase, fanse pescudas, desde fóra parece moito máis divertido, non sei se se pode dicir así, que un xulgado do contencioso ou do civil… Iso vai moito coa personalidade de cada un. Os xuristas máis repousados, reflexivos, adoitan preferir o social, o civil ou o contencioso… Aquí tes que ter moita enerxía, moita adrenalina, pasan moitas cousas, tes que facelo moi rápido… Ese ritmo ten que gustarche, e a min gústame.

O seu xulgado leva a denuncia por acoso contra varios directivos da Corporación de Radio e Televisión de Galicia. Teño que preguntarlle por iso: cando cre que acabará a instrución? Derivará na sinalización de xuízo oral? Non teño nin idea de cando terminará a instrución, hai cousas pendentes ás que non podo poñerlles prazo eu. E con respecto ao segundo, entenderá que non podo responderlle.

 

[Fonte: www.luzes.gal]

Sem comentários:

Enviar um comentário