quinta-feira, 9 de janeiro de 2025

Linguas

 

Imaxe dunha concentración a prol do galego 

Escrito por Juan L. Blanco Valdés

É volapük un substantivo raro que, non sei a vostede, pero a min sóame a nome de vampiro transilvano. E, sen embargo, nada máis lonxe da realidade. O volapük é unha lingua artificial produto da boa vontade dun crego alemán que, a remates do século XIX, creu facer un inmenso favor á humanidade proporcionándolle un medio ecuménico de comunicación.  

Nos seus mellores momentos, e nun cálculo favorecedor, os falantes de volapük chegarían a cen mil. Un século despois, un grupo de lingüistas, aproveitando esforzos anteriores, pariu unha cousa que se chama interlingua, da que, malia a brillante transparencia da denominación, estou certo, vostede nin sentiría falar. 

En tanto, o máis célebre experimento no eido das linguas artificiais foi, como non, o esperanto, enxeñosa creación do Dr. Zamenhof, que, para ser oculista, non tivo moito ollo. Jaume Perich, que era un tipo moi pavero, dixo do esperanto que era unha lingua universal pois, en efecto, ninguén a coñece no universo (con todos os meus respectos para os seus seareiros, esperantistas de todo o mundo).

As aspiracións da humanidade por conxurar a maldición bíblica de Babel e atopar un sistema colectivo de comunicación, que había ser alicerce da fraternidade universal, topan sempre cunha peculiaridade: as linguas son organismos vivos, que, por así dicir, fan o que lles dá a gana, con absoluta independencia da vontade e designios dos seus usuarios. Coincidirá vostede comigo en que, sen plan previo de ningunha clase, dúas linguas na historia humana acadaron, estas si, a bitola de koiné da comunicación internacional: Erasmo e Newton escribían en latín ao igual que hoxe Mariano Barbacid e Juan Luis Arsuaga publican en inglés.

O paleoantropólogo Carlos Lorenzo, afeito a estudar o pasado para explicar o presente, fai un prognóstico duro: «Estamos abocados a unha perda de diversidade lingüística. Os sistemas de comunicación son cada vez máis globais e moitas linguas desaparecerán».

Lamento comezar o ano soando a quintacolumnista pero a previsión que se infire do último informe do IGE non convida a sermos optimistas a respecto do galego, unha lingua que, como todas, e malia a política, as políticas e as nobres intencións, fará no futuro o que lle dea a gana.

 

[Imaxe: Marcos Míguez - fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário