terça-feira, 5 de novembro de 2024

O cine deita unha ollada feminina sobre o Portugal da ditadura e da Revolución

Un ciclo no Marco de Vigo mostra a visión das directoras portuguesas.

Un fotograma de 'A metamorfose dos pássaros', de Catarina de Vaconcelos

A Cátedra Internacional José Saramago e o grupo de investigación BiFeGa da Universidade de Vigo organizan o ciclo de cinema Mulheres (d)e Abril. As realizadoras e a revolução, unha reflexión crítica sobre a visión das realizadoras portuguesas en torno a tres momentos clave da historia de Portugal: o período colonial, o proceso político que culminou na Revolução dos Cravos, e a loita pola emancipación da muller e o movemento feminista. As proxeccións terán lugar no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, MARCO, salvo a sesión do 21 de novembro que terá lugar na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo.

O ciclo componse de  sete filmes que ofrecen un ollar feminino sobre estas cuestións e, a maiores, proxectarase tamén o documental de Shola Lynch sobre Angela Davis, no que se narra a intensa loita desta activista durante os turbulentos anos 70 en Estados Unidos, lembrando os cargos que se lle imputaron e o seu posterior xuízo.

O ciclo céntrase no ollar das mulleres sobre o pasado colonial e ditatorial de Portugal, sen descoidar unha reflexión sobre o Portugal contemporáneo e o significado deses momentos históricos para o país hoxe. "Son unha selección de obras que pretende convidar o público a pensar sobre a herdanza histórica e o seu impacto no presente, a través da lente de realizadoras portuguesas e internacionais", explican desde a organización.

A primeira proxección, que decorrerá esta terza feira, 5 de novembro, será a de  A metamorfose dos pássaros (2020), ópera prima da realizadora portuguesa Catarina de Vasconcelos e para a que se contará coa participación da poeta Oriana Méndez. É unha viaxe á propia historia familiar da directora, nun filme poético que cruza memorias familiares e historia nacional, explotando as relacións interxeracionais e a experiencia da perda, cunha linguaxe visualmente rica para retratar unha historia persoal que dá eco aos sentimentos de transformación que marcaron Portugal na época da Revolución.

 [Fonte: www.nosdiario.gal]

 



Sem comentários:

Enviar um comentário