quarta-feira, 29 de maio de 2024

Caprichos dun xenio

Grabado de la serie «Los caprichos» de Goya

 

Escrito por JUAN L. BLANCO VALDÉS

BÁGOAS DE CROCODILO  

En punto a lecturas, ser un cu de mal asento reporta certas vantaxes. Unha tarde calquera, debullando acó e aló nos andeis da biblioteca, atopo unha venerable edición dos Caprichos de Goya. O achado lévame a lembrar a Swift, quen, con prístina retranca atlántica, cría que o xenio verdadeiro pode recoñecerse claramente en que todos os necios se conxuran contra el, teimando incomprensiblemente en afirmar que, en realidade, o tal xenio é un parvo enfermo de vaidade.

Con todo, non é doado identificar un xenio e só co paso do tempo a historia colectiva vai canonizando nomes. Bach, Beethoven, Vermeer, Leonardo, Cervantes, Curie, Buñuel, Tolkien, Picasso, Kubrick son, ao chou, nomes de xenios, unha breve escolma na que, de certo, coincidirá vostede. Non foron só usuarios dunha creatividade desmesurada senón que imprimiron a todo o que fixeron o selo do que, sen a máis mínima reserva, sae da norma e do nivel convencional. Salieri e Mozart, lembra?

Don Francisco de Goya, afrancesado, ilustrado e un pouco tolo foi, sen dúbida, un xenio. Toda a súa obra é xenial. E os Caprichos non son só xeniais. Para os Caprichos de Goya habería que troquelar un adxectivo específico, que fose quen de expresar a súa intensidade. Se alguén retratou o lado máis tétrico da alma española (e dende Larra a Potocki, Borrow e Ticknor, a nómina decimonónica é extensa), ese foi Goya nos seus caprichos.

A superstición que estrangula un pobo, os alentos da morte e as babas dos vellos verdes, a coroza dos relaxados, a hipocrisía e falsidade de curas e frades, a mesta lameira da rutina e o fanatismo, as simas da vaidade, o fétido bafo da bruxa, o alimento infinito da ignorancia e a xenreira visceral á luz do coñecemento, o espeluznante balbordo do aquelarre... compoñen un desfile visual de pesadelo, ao que o laconismo e incisión dos brevísimos lemas que titulan cada gravura engaden penetrante crítica: Lo que puede un sastre!, No hubo remedio, Y aún no se van!, Buen viaje, Murió la verdad... son algunhas lendas das máis patéticas e tremendas imaxes.

Quen asinaría hoxe os caprichos da nosa España? Ai, España!

 

[Fonte: www.lavozdegalicia.es]

Sem comentários:

Enviar um comentário